O Sergas crea unha dirección de atención primaria en cada área sanitaria para fortalecer o primeiro nivel asistencial

Estará diferenciada da Dirección de Atención Hospitalaria e as dúas terán o mesmo nivel
Publicado por o día 25/10/2019 na sección de Sanidad

O Sergas crea unha dirección de atención primaria en cada área sanitaria para fortalecer o primeiro nivel asistencial

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto polo que se regulan as Áreas Sanitarias e os Distritos Sanitarios do Sistema Público de Saúde de Galicia. Nel, reflíctese unha nova organización funcional coordinada entre a asistencia primaria e a hospitalaria, para atender con eficacia ás persoas usuarias da sanidade pública, baixo os principios de optimización de recursos, a eficacia na xestión e a consecución da máxima coordinación. Nesta nova organización, a atención primaria desempeña un papel clave.

Coa entrada en vigor deste decreto, cada unha das áreas sanitarias contará cunha Dirección de Atención Primaria propia, co fin de visualizar, poñer en valor e potenciar este primeiro nivel asistencial. Estará diferenciada da Dirección de Atención Hospitalaria, pero sen perder a integración entre ambas e garantindo a continuidade asistencial, situándose as dúas ao mesmo nivel.

Entre as funcións da Dirección de Atención Primaria está a xestión da demanda de servizos sanitarios en primaria, garantindo o desenvolvemento das actuacións de promoción da saúde e prevención da enfermidade. Ademais fomentará a capacidade de resolución da primaria na respectiva área sanitaria, en coordinación cos xefes do servizo das unidades deste nivel asistencial.

Así mesmo, a Dirección de Atención Primaria será responsable da execución das directrices e proxectos establecidos e da coordinación, supervisión e avaliación de todos os recursos dos centros de atención primara, na respectiva área sanitaria. Tamén deberá asumir, no seu ámbito, a responsabilidade do cumprimento dos acordos de xestión asinados anualmente cos servizos centrais do Sergas, así como a formulación de propostas para o mellor cumprimento dos obxectivos xerais.

Ademais se contempla no Decreto a creación dunha Dirección de Enfermería, así como outra de Procesos de Soportes, dentro das estruturas de cada área sanitaria. Así mesmo, dentro da estrutura directiva destaca a creación en cada área dunha Subdirección de Humanización e Atención a Cidadanía, que depende directamente da Xerencia de área e a creación dentro da Dirección de Enfermería dunha Subdirección que desenvolverá as competencias en materia de atención a cronicidade.

Xunto a estas Direccións, o decreto publicado hoxe recolle a creación dunha Comisión de Atención Primaria en cada área sanitaria. As súas funcións serán estudar o plan estratéxico; os obxectivos; e os plans económicos, de equipamento e de recursos humanos no ámbito da atención primaria. Tamén lle corresponderá propoñer e detectar as oportunidades de mellora na práctica asistencial e promover as mellores actuacións para a seguridade de pacientes e profesionais. Con este decreto cobra importancia a relevancia do papel dos xefes de servizo das distintos centros de saúde da área sanitaria, que formarán parte destas Comisións de atención primaria que terá cada área sanitaria.

O novo decreto outorga un valor engadido á participación cidadá, que ve como aumenta á súa presencia con catro vogais que serán representantes dos concellos da área sanitaria dentro do Consello de dirección de cada área elixidos a proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias. Tamén se consolida o Consello Asesor de Pacientes de Área.