O Tribunal Supremo chumba a licenza urbanística que ameaza a Cova de Eirós en Triacastela

ContraMINAcción denuncia como, nada máis gañar firmeza a sentenza, a empresa aumentou de xeito frenético o ritmo da explotación, poñendo en risco o patrimonio
Publicado por o día 17/12/2020 na sección de Galicia,Medio Ambiente

O Tribunal Supremo chumba a licenza urbanística que ameaza a Cova de Eirós en Triacastela

O Tribunal Supremo acaba de facer pública a sentenza pola que se anula definitivamente a licenza urbanística ilegal coa que o Concello de Triacastela tentou legalizar a explotación de caliza que Cementos Cosmos, filial da multinacional Votorantim, explota directamente encima da Cova Eirós, exemplo único e sen igual da pintura rupestre na Galiza.

A licenza fora recorrida inicialmente pola Associação Sócio-Cultural O Iríbio co apoio da asesoría xurídica do Sindicato Labrego Galego, ambas as dúas entidades integrantes da Rede ContraMINAcción, que xa conseguiran a súa anulación nos xulgados do contencioso-administrativo, fallo confirmado a principios deste ano polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e que agora gañou firmeza coa inadmisión do recurso de casación que o Concello de Triacastela e Cosmos presentaran ante o Supremo.

A explotación de Cosmos é paradigma da minaría destrutiva, encontrándose dentro da contorna de protección e da contorna de amortecemento do Ben de Interese Cultural (BIC) Cova Eirós, finalmente declarado como tal en 2019 logo de anos de atrancos e coa asistencia da ASC O Iríbio, que tamén solicitou, xunto con outros colectivos, que fose declarada Patrimonio da Humanidade da UNESCO, como 19ª cova do grupo conformado pola Cova de Altamira e outras manifestacións da Arte Rupestre Paleolítico do Norte peninsular, en Cantabria, Asturias e País Basco. A súa exclusión, a xuízo da rede, é totalmente arbitraria e interesada.

Como noutros casos xa denunciados pola rede ContraMINAcción, a explotación de Cosmos non foi sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental cando se reclasificou como explotación mineira de “recursos C”, a pesar de tratarse dunha explotación a ceo aberto con afectación á rede Natura 2000, ao Camiño de Santiago e un BIC único. Esta omisión, e as súas consecuencias para o patrimonio natural e cultural, trascende o ámbito meramente administrativo con evidentes implicacións penais que están sendo obxecto das correspondentes accións para deslindar responsabilidades.

Os colectivos integrantes da rede ContraMINAcción demandan á Xunta a paralización inmediata da actividade mineira, precisamente intensificada nas últimas semanas logo da firmeza da sentenza, e que se proceda a adoptar medidas urxentes para salvagardar a integridade de Cova Eirós, BIC cuxa candidatura ao Patrimonio da Humanidade da UNESCO debería ser promovida polas Administracións. Ante a imposibilidade de continuar coa mina, consideran que a Xunta debe obrigar á empresa a presentar un plan de clausura e abandono que garanta a restauración inmediata de todas as zonas degradadas, independentemente das sancións administrativas e penais que poidan corresponder.

Finalmente, desde ContraMINAcción considéranse vergoñentas as tentativas de lavado de cara de Cosmos que tamén durante as últimas semanas vén facendo a Cámara Oficial Mineira de Galicia, chegando a afirmar que o de Triacastela é un dos “ejemplos de buenas prácticas” afirmando que a “empresa Cementos Cosmos es la encargada de la protección de la Cova de Eirós“. É especialmente penoso, indican, que a Xunta invista diñeiro nestas campañas de manipulación en lugar de destinalo á protección efectiva de elementos únicos do noso patrimonio cultural como é Cova Eirós.

Comentar noticia

Your email address will not be published.