O urbanismo de Nigrán avanza 30 anos tras a publicación hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) da modificación puntual número 25 das normas subsidiarias de planeamento urbanístico, o que significa que esta entra xa definitivamente en vigor. Con anterioridade, o 1 de xuño, o DOGA informaba desta aprobación demandada por todos os sectores sociais de Nigrán ante o obsoleto, complexo e ineficaz que resultaba o antigo regulamento de 1991, xa que incluso entraba en contradición coa actual normativa estatal ou autonómica. Ao mesmo tempo, desde o goberno de Nigrán inciden en que continúan coa tramitación do Plan Xeral de Ordenación Urbanística de cara a obter a súa aprobación definitiva.
“Nigrán pasa do urbanismo do século XX ao urbanismo do século XXI grazas a un traballo detrás que nos levou anos; paralelamente seguimos avanzando no PXOM”, subliña o alcalde, quen agradece especialmente “a gran labor, tenacidade e esforzo” do edil de Urbanismo, Diego Moreira. “Agardamos desde este momento centos de peticións de licencias de obras, especialmente de xente do rural que, por vivir nun Nigrán cunha normativa de 1991, nin sequera podía ata agora rehabilitar ou ampliar a súa vivenda. Moita xente estaba agardando o día de hoxe”, destaca.
No substantivo, o corpo das NNSS mantívose vixente en Nigrán ao longo de case 30 anos e, polo tanto, ao marxe da constante evolución do marco normativo da Lei do Solo de Galicia, identificando os técnicos municipais disfuncións que dificultan obxectivos como a rexeneración e renovación urbana ou rehabilitación e eficiencia enerxética. Así, esta modificación rebaixa as restricións en aspectos como rehabilitacións e ampliacións mesmo en vivendas anteriores a 1975 en núcleos rurais, moderniza as condicións estéticas nos acabados exteriores de locais comerciais, reduce os retranqueos nalgúns casos ou noutros dá maior flexibilidade na mellora e ampliación de camiños por onde non poden acceder actualmente nin os vehículos de emerxencia sanitaria (incluso nos muros tradicionais).
Pola contra, non introduce cambios no modelo urbanístico das NNSS nin tampouco varía a calificación do solo ou a intensidade edificatoria, esa tarefa lle corresponde ao PXOM, o que fai é resolver contradiccións coa normativa autonómica e estatal en vigor que prexudicaban claramente aos veciños de Nigrán fronte aos de outros municipios cun regulamento sí actualizado.
Acordo aprobado no 2019
O Concello de Nigrán, a través dunha moción do goberno que nun primeiro intento foi rexeitada pola oposición, deu luz verde posteriormente por unanimidade no pleno ordinario do 30 de setembro de 2019 á modificación das normas subsidiarias tras décadas sen actualizar (estaban vixentes desde 1991). Este cambio, demandado incluso polas entidades veciñais de Nigrán, facilita a tramitación urbanística e pon fin a moitas incorrecións entre a norma escrita e a realidade.
Para o goberno local sempre se tratou dun asunto de “máximo interese” para a veciñanza, xa que abre un novo hourizonte a moitos propietarios de vivendas anteriores a 1975 (consecuentemente sen licencia de ocupación) que desexan rehabilitala e que sen este cambio non podían, motivo polo que incluso asociacións veciñais como ‘A Irmandade de Priegue’, ‘Monteferro de Panxón’, ‘A Camoesa’ de Camos, ‘A Unión de San Pedro’ ou ‘O Castro’ de Chandebrito incidisen no seu momento na importancia da modificación mediante escritos aos partidos da oposición xa que estos, inicialmente, non se amosaran favorables.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.