Un obradoiro para descubrir probando o potencial do Arduino

A iniciativa insírese na programación de obradoiros da Vicerreitoría
Publicado por o día 23/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

Un obradoiro para descubrir probando o potencial do Arduino

Partindo dunha placa dotada dun microcontrolador e mediante o uso de software libre, o Arduino outorga múltiples posibilidades de deseño, desenvolvemento ou adaptación de dispositivos electrónicos. Da automatización dunha luz á articulación do ordenador de a bordo nun coche, as posibilidades que implican estas placas resultan cada día máis accesibles grazas á existencia de titoriales ou de contornas gráficas que fan máis accesible a programación, como explica Esteban Manuel Oubiña, responsable xunto a Rabi Ouallam, do obradoiro de Introdución a Arduino e programación en C, co que neste mes de febreiro se puña en marcha a programación de obradoiros de Extensión Universitaria impulsada pola Vicerreitoría do campus para o segundo cuadrimestre.

“Á xente asústalle bastante o feito de que lle ensines unha placa, pero despois non é tan complicado”, salienta Oubiña, alumno da EE Forestal, da plataforma de software e hardware libre que centra este taller de 30 horas, ao que asisten 14 persoas, entre os que se atopan estudantes e docentes de diferentes centros do campus. De carácter fundamentalmente práctico, o taller busca achegar aos asistentes ás características das placas electrónicas máis comúns e amosarlles como executar programas no seu microntrolador, pero tamén trasladarlles unhas primeiras nocións da linguaxe de programación que fai “que o potencial de uso destas placas sexa moi amplo”. Desta segunda parte encárgase o titulado da EE de Telecomunicación Rabi Ouallam, mentres que Oubiña responsabilizase de achegar ao alumnado “as ferramentas que existen que a linguaxe de programación sexa máis intuitiva” e aos múltiples recursos existentes na rede para traballar con estes dispositivos.

Nese senso, explica, pode atoparse en internet programación en código libre para estas placas, polo que unha das primeiras prácticas do taller pasa precisamente por aprender a modificala e implantala na placa. O uso destes elementos para a realización dunha maqueta dun semáforo, que o alumnado debe programar para que sexa capaz de acender e apagar cada luz un tempo determinado, constitúe, por exemplo, outra das propostas a realizar nun taller que se desenvolve na Escola de Enxeñaría Forestal ata finais de abril. “Despois tamén lles imos a preguntar a eles se teñen algún proxecto para levar a cabo, xa que imos intentar que o obradoiro sexa mías un traballo en equipo, no que aprendamos todos á vez, que unha clase profesor-alumno”, salienta Oubiña dunha actividade que nese senso, busca tamén que os alumnos e alumnas “se lles ocorran cousas e proben a facelas”.

O primeiro obradoiro en arrincar

Este curso de introdución ao Arduino foi o primeiro dos seis obradoiros, abertos a toda a cidadanía, que a Vicerreitoría do campus impulsou para este segundo cuadrimestre e ao que se sumarán novas propostas entre os meses de marzo e maio. De feito, permanece aberta a inscrición, cun custo de 26 euros para os membros da comunidade universitaria e de 40 para persoas alleas á institución académica, nos talleres Control de son en radioCartografías da ficción televisivaEscalada en rocódromo e Locución audiovisual.