Organizan unha xornada técnica sobre o mantemento dos solos dos viñedos sen uso de herbicidas

Será o 3 de maio na casa de cultura de Albarellos, no concello de Monterrei
Publicado por o día 21/04/2019 na sección de Xunta de Galicia

Organizan unha xornada técnica sobre o mantemento dos solos dos viñedos sen uso de herbicidas

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural, organiza unha xornada técnica sobre o mantemento dos solos dos viñedos sen necesidade de recorrer ao uso de herbicidas. Os relatorios serán o 3 de maio na casa da cultura de Albarellos, en Monterrei, e colaboran o concello, o consello regulador desta denominación de orixe e a Fundación Juana de Vega.

Nesta xornada abordaranse as técnicas de cultivo que permiten un menor uso de funxicidas, insecticidas e herbicidas porque as posibilidades de utilización son cada vez máis restritivas. Unha das alternativas para o control da maleza nos viñedos é a implantación de cubertas vexetais e o seu tipo depende das características do solo e da calidade da uva esperada. Por iso, a través destas charlas preténdese dar a coñecer as características dos solos sobre os que se asenta actualmente o viñedo galego e mostrar as cubertas vexetais máis axeitadas en cada caso. Ademais, explicarase como se debe levar a cabo unha adecuada fertilización do viñedo e incidir nos factores que condicionan a calidade da uva.

Así, os principais destinatarios son profesionais do sector como viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores, así como investigadores interesados na cuestión. En todo caso, as charlas están abertas ao público en xeral. Hai cen prazas dispoñibles para os interesados e a inscrición pode facerse ata o 2 de maio a través da web da Evega, no seguinte enlace: https://evega.xunta.gal/es/xornadas-tecnicas-mantemento-do-solo-do-vinedo-alternativas-ao-uso-de-herbicidas/. O prazo remata o 2 de maio.

Entre os relatores da xornada estarán José Manuel García, do departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo; Sergio Ibáñez, do Instituto de Ciencias da Vide e do Viño; José Enrique Garzón, do Instituto de Investigación da Vide e do Viño da Universidade de León e Jesús Yuste, do Instituto Tecnolóxico Agrario de Castela e León