Os Reis Magos de Oriente agasallan con carbón a patronal de limpeza da provincia da Coruña pola «mala fe» na negociación do novo convenio

CCOO, UGT e CIG, arroupados por máis de 30 delegadas e delegados, achegáronse á sede de EULEN na Coruña, onde entregaron un escrito en que rexeitan «contundentemente» a proposta da patronal para asinar o novo convenio provincial de limpeza.
Publicado por o día 05/01/2021 na sección de Galicia,A Coruña,CC.OO,Sindicatos

Os Reis Magos de Oriente agasallan con carbón a patronal de limpeza da provincia da Coruña pola «mala fe» na negociación do novo convenio

Ás 11 da mañá, os tres sindicatos que forman parte da mesa negociadora do convenio (CCOO, UGT e CIG), desprazáronse ata a sede de EULEN —unha das empresas do sector—. Alí manifestaron o seu malestar polo comportamento da patronal, pois entenden que a parte empresarial está a negociar «con mala fe».

Desde o inicio da negociación, os sindicatos tiveron como prioridade abordar o incremento salarial para o ano 2020. Sobre estas liñas evolucionaron as tres reunións que houbo ata o momento. Na última xuntanza, a patronal solicitou realizar dúas modificacións de dous artigos do actual convenio para ofertar unha suba para o ano 2020.

Sorprendentemente, a proposta enviada polas empresas o pasado 10 de decembro «supón un antes e un despois da negociación», pois propón un 0% de incremento para o 2020, un 0,8% para o 2021 e retirar do texto da negociación o artigo 8 e 42 do actual convenio de limpeza. Isto significa que as traballadoras e os traballadores non terán dereito a ampliar a xornada dentro do seu centro de traballo cando se xeren novas vacantes ou ampliacións de xornadas. Por outra banda, tampouco terán dereito a esixirlle á empresa facer uso do seu dereito a prexubilarse despois de toda unha vida de traballo, para aqueles traballadores e traballadoras que logren reunir os requixitos esixidos.

Este feito, aparte das consideracións sindicais que se poderían realizar, non se pode interpretar doutra forma que non sexa unha burla, unha tomadura de pelo, e sobre todo unha vulneración do principio da boa fe negociadora.

Consecuentemente, unha vez valorada a situación polas tres centrais sindicais, os pasados día 28, 29 e 30 de decembro celebraronse asembleas de traballadores e traballadoras do sector, para que tiveran coñecemento da actual situación da negociación do convenio, e sobre todo da proposta que remitiu a patronal o 10 de decembro, e o resultado destas non pode ser máis claro:

– Rexeitamento unánime da proposta de modificación dos dous artigos propostos pola Patronal.

– Rexeitamento unánime da proposta de suba do 0% para o ano 2020, e tamén a do 0,8% para o ano 2021.

– Rexeitamento unánime da vulneración do principio da boa fe negociadora.

Neste contexto, os tres sindicatos comunicaron o inicio de mobilizacións no sector, «incluíndo unha convocatoria de folga, para que esta arrogante patronal reflexione sobre o acontecido», conclúen os tres sindicatos.