O vindeiro 4 de outubro celébrase o Día das Universidades Saudables, unha iniciativa que ten como obxectivo visibilizar o traballo que están realizando as institucións académicas na promoción da saúde ofrecendo actividades programadas de forma conxunta. A Universidade de Vigo, como socia da Rede Española de Universidades Saudables, adhírese a esta proposta, e ten deseñado un programa de actividades que se vai desenvolver nos tres campus e que comprende, por unha banda, o #Reto5mil e, por outro, o #IIRetoFrutaREUS.
O Reto 5000 doazóns, consiste na instalación de unidades móbiles de doazón de sangue en Ourense de 09.30 h de 14.30 h no Edificio de Ferro; en Pontevedra, de 09.30 h a 14.30 h na Escola de Enxeñaría Forestal e de 15.00 h a 21 h na praza da Ferrería e en Vigo de 09.30 h a 14.30 h na praza da Reitoría e de 15.30 h a 21.00 h na Escola de Enxeñería Industrial (sede campus). A finalidade é acadar cinco milleiros de doazóns entre as universidades participantes, axudando así a conseguir doantes novos e convertendo a doazón nun hábito.
A segunda das actividades da xornada será o reto da froita, que consiste no reparto deste tipo de alimento entre a comunidade universitaria nos centros próximos ás unidades de doazón. A idea é que as persoas que reciben a froita participen nun concurso publicando en twitter unha fotografía propia consumindo unha peza de froita co cancelo #IIRetoFrutaREUS e mencionando tamén a conta de twitter da Universidade de Vigo (@uvigo) e a conta da Rede Española de Universidades Saudables (REUS) (@unisaludables). O prazo para a publicación das fotografías será desde as 06.00 h ata as 21.00 h do día 4 de outubro. As tres universidades que reúnan o maior número de tuits válidos, serán premiadas cun diploma acreditativo da súa contribución ao fomento das universidades saudables. Ademais, as persoas titulares das cinco fotografías de cada unha das tres universidades premiadas que reúnan a maior puntuación, entrarán no sorteo de tres premios.
Para esta cita do día 4, a Área de Benestar Saúde e Deporte está buscando persoas voluntarias que colaboren no desenvolvemento das accións nos tres campus, ocupándose de axudar a prestar servizo nun posto de información e tamén repartindo a froita. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o martes día 2.
REUS, traballando na promoción a saúde dende 2008
55 universidades forman parte da Rede Española de Universidades Saudables, REUS, constituída no ano 2008. O seu obxectivo é a incorporación da promoción da saúde no ámbito universitario, apoiando e evidenciando este como contorna promotora da saúde. O obxectivo de REUS é reforzar o papel das universidades como entidades promotoras da saúde e benestar dos seus estudantes, do seu persoal e da sociedade no seu conxunto, liderando e apoiando procesos de cambio social. Esta rede trata de poñer en valor o potencial dos centros educativos para xerar e liderar cambios de modelos cara unha contorna saudable e de benestar. Para iso apostan por tres vías de traballo: fomentar comportamentos e estilos de vida saudables entre os seus traballadores e traballadoras; formar as novas xeracións neste ámbito e apostar pola I+D no eido da saúde.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.