Patricia Sío será a sustituta de Pedro Ocampo Cardalda do Grupo Municipal de EU SON DO PORRIÑO-SON EN COMÚN

Publicado por o día 27/07/2020 na sección de Galicia,O Porriño,Política

Patricia Sío será a sustituta de Pedro Ocampo Cardalda do Grupo Municipal de EU SON DO PORRIÑO-SON EN COMÚN

O luns 27 de xullo celebramos Asemblea Local do Grupo Municipal de EU SON DO PORRIÑO-SON EN COMÚN.

Na mesa estaban o Secretario de Organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez Correa; Pedro Ocampo Cardalda e Blanca Francés Rodríguez, actuais concelleiro e concelleira do grupo municipal; e Patricia Sío Bacelo, que vai ser a nova concelleira en substitución de Pedro Ocampo, que presenta a súa renuncia ao cargo institucional.

Rubén Pérez amosou o apoio e colaboración de Esquerda Unida ao grupo municipal, que destacou coma un exemplo de constancia, coherencia e compromiso ético e político.

Pedro Ocampo explicou os motivos da súa renuncia: “deixo o cargo despois dunha longa reflexión que iniciei nos meses de confinamento, propiciada polo parón no traballo institucional, e que me levou a valorar a importancia de ter máis tempo para a miña vida privada, familiar e adicar á miña profesión. Vou seguir no meu cargo de Coordinador Local de Esquerda Unida e apoiando e colaborando co grupo denda a segunda liña política. A política non se reduce, nin pode facelo, á vida institucional e é moi importante tamén ter a liberdade para facer un traballo de base, na rúa, no eido laboral (a educación necesita unha verdadeira revolución que faga fronte á brecha social e acaba coa mercantilización da mesma) e no organizatico (é necesario reforzar as organización fronte ao poder organizado das oligarquías económicas e financieiras).”

Tamén amosou a súa confianza e ilusión pola entrada da súa compañeira, Patricia Sío:

“Pasamos momentos difíciles, de incomprensión pola nosa posición, tanto dun lado como doutro, e con división interna que non axudou a poder facer e meditar as accións coa calma e tranquilidade que necesitabamos. Esa fase está superada; o tempo puso a cada quen no seu lugar e a constancia e traballo comprometido, serio e responsable, volve a poñer ao noso grupo como fundamental na oposición. A nosa proposta dun goberno de esquerdas sen actual Alcaldesa cada vez se amosa como a máis necesaria e volvemos a pedir en Pleno a súa dimisión, o cal imos manter ante calquera negociación do goberno co noso grupo municipal.

Agora fai falta unha persoa, unha muller mellor, que entre con novas forzas e siga a traballar no xeito distintivo que ten o noso grupo de entender a política e, en concreto,

a política municipal. Queda moito por facer e Patricia vai ser fundamental no que queda de lexislatura”.

A continuación falou Patricia Sío, a que será a nova concelleira:

“Comparto todo o dito por Pedro e quero recalcar especialmente que nos mantivemos e nos mantemos firmes na nosa postura de non entrar nun goberno liderado por quen segue sen acadar uns mínimos de decencia democrática e isto a pesares das presións insoportables que aturamos incluso ata no persoal. E aquí seguimos, coa dignidade e coa certeza de saber cal é o noso sitio. Coa decisión de Pedro vaise da Corporación o mellor concelleiro pero sigue con nós un compañeiro leal, traballando noutras áreas menos visibles pero tamén fundamentais. Como docente aprendeunos do mellor xeito posible, co seu exemplo: xenerosidade, honestidade e integridade, sen apego ao cargo. Agardo telo sempre presente. Non teño medo na asunción desta responsabilidade porque desde que me integrei na candidatura adquirín o compromiso con todo o grupo e co seu proxecto. Vou con unha compañeira inmellorable e un grupo de xente decente e traballadora detrás para dar voz e representar a quen nos votou. Nada vai mudar no noso papel de oposición: firmeza, vehemencia e xenerosidade na achega de posibles solucións, facendo ver que hai outros camiños. Nós non estamos aquí para dar caña porque iso é gratis e cómodo e xa o fan outros. Vimos para demostrar que sempre se pode porque sempre hai alternativa, a do Ben Común. Merecemos un Concello gobernado con rigor e transparencia, amabilidade e empatía, que convide á participación e que dea a cara pola súa veciñanza sempre que sea preciso ante o resto de administracións”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.