Pontevedra presenta no Centro Galego de Barcelona a terceira edición de Etiqueta Negra

A concelleira Anabel Gulías promociona a Feira do Gourmet Galego este mércores, 19 de setembro, ante profesionais do sector.
Publicado por o día 17/09/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

Pontevedra presenta no Centro Galego de Barcelona a terceira edición de Etiqueta Negra

O Concello de Pontevedra viaxa esta semana a Barcelona, para presentar a terceira edición de Etiqueta Negra. Gourmet Galego e Innovación Inspiradora ante diversos profesionais do sector. A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, será a que viaxe até a Cidade Condal, e aproveitará para promocionar o modelo de cidade e o Camiño de Santiago, así como a súa ruta espiritual, da man da Mancomunidade do Salnés.

A oportunidade de achegarse a Barcelona, un mercado moi interesante para Etiqueta Negra, na que a restauración galega ten moito prestixio e hai, incluso, tendas gourmet exclusivas de produtos galegos, ademais dunha gran tradición culinaria e gastronómica, levou á Concellaría de Promoción da Cidade a organizar unha xuntanza con profesionais do sector no que estarán restauradores, propietarios de establecementos gourmet, empresarios, distribuidores, bloggers… Será este mércores, 19 de setembro, no Centro Galego.

A concelleira estará acompañada por Vanesa L. Chousa, da organización da feira Etiqueta Negra; Gerardo Lagares, socio-director de Orballo e Cruz López Martínez, responsable de Comunicación de Embutidos Lalinense.

Etiqueta Negra, que se desenvolverá no Recinto Feiral de Pontevedra entre o 10 e o 12 de novembro, pretende amosar tanto a ampla variedade de alimentos e bebidas de alta calidade que se están facendo en Galicia, como os procesos de innovación de novos produtos, sabores e envases.

Dado que pretende converterse nun dos eventos gastronómicos máis destacados do país, Etiqueta Negra reunirá nun mesmo espazo a profesionais do sector, produtores e consumidores co fin de coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos. Será o mellor escaparate para presentar o gran potencial deste mercado, onde a combinación de innovación e comercialización especializada progresa día a día.

A Feira contará con máis de 70 produtores galegos e con chefs de renome que triunfan na alta restauración, como Pepe Solla, Lucía Freitas e Iñaki Bretal.

Pontevedra e o Camiño de Santiago

A xornada en Barcelona comezará coa presentación de “Encamiñadas: Pontevedra e a Mancomunidade do Salnés”, unha intervención ás 11.00 da mañá na que a concelleira abordará o modelo de cidade de Pontevedra, a importancia do Camiño na cidade e a  súa variante espiritual que une os dous Camiños Xacobeos: o Camiño Portugués e o Camiño denominado “Ruta do Mar” ou “Translatio” (orixe de todos os camiños). Consiste en seguir o mesmo traxecto que fixeron os restos do Apóstolo na súa viaxe a Compostela, entrando polo mar de Arousa, subindo o río Ulla e desembarcando en  Santiago de Compostela. www.osalnes.com/

A esta parte da xornada están convidadas axencias de turismo, asociacións vinculadas ao Camiño de Santiago…

Ás 12.30 horas está prevista a presentación de Etiqueta Negra e, a continuación, unha degustación dalgúns dos produtos que se poderán mercar na Feira no mes de novembro.

Neste vídeo resumo do ano 2017. 

www.etiquetanegragourmet.com
Facebook etiquetanegrafeiragourmet – Instagram etiquetanegragourmet