Portos de Galicia establece vías de colaboración co concello de Poio para a remodelación e mellora da zona portuaria de Raxó-Covelo

A presidenta da entidade, Susana Lenguas, e a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, manteñen un encontro de traballo co alcalde Luciano Sobral para analizar as posibilidades e inconvintes de proxecto do ano 2011
Publicado por o día 25/01/2021 na sección de Galicia,Mar,Xunta de Galicia

Portos de Galicia vai establecer e analizar distintas vías de colaboración co Concello de Poio para a remodelación e mellora da zona portuaria de Raxó-Covelo e, en xeral, para o desenvolvemento de actuacións nesta materia neste municipio pontevedrés.

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, veñen de manter un encontro de traballo co alcalde de Poio, Luciano Sobral, e co concelleiro Gregorio Agís no edificio administrativo do executivo autonómico en Campolongo para poñer sobre a mesa e comezar coa análise das distintas opcións para esta contorna.

Ambas partes acordaron celebrar un próximo encontro no que se debatirán as posibilidades e os inconvintes das distintas alternativas de actuación conxunta nos portos de Poio logo de que a Xunta de Galicia xa acometera, ao longo dos últimos anos, as obras prioritarias do proxecto deseñado hai unha década de acordo co Concello.

“Imos estudar todas as opcións e alternativas agora que coñecemos con exactitude o posicionamento do Concello e imos ver todas as vías para desatascar a mellora da zona portuaria de Raxó-Covelo do xeito máis acaído aos intereses dos veciños. En todo caso, dende Portos de Galicia queremos o mellor para esta contorna tan importante da nosa rede portuaria e hoxe conseguimos que haxa unha vía de colaboración que consideramos fundamental, xa non só para estes espazos, senón tamén para un concello como o de Poio cun litoral de gran importancia”, detallou Susana Lenguas.

Avaliación dos portos da provincia

Previamente, Susana Lenguas e Luisa Piñeiro mantiveron outra reunión de traballo que serviu de toma de contacto e na que se realizou unha primeira avaliación das necesidades portuarias na provincia de Pontevedra e que irá cobrando forma ao longo dos próximos meses para mellorar estas infraestruturas e obter toda a súa potencialidade.