A veciñanza de Mondariz Balneario vai comezar a compostar os seus biorresiduos de xeito inminente grazas ao Plan Revitaliza da Deputación. Persoal técnico provincial dará unha charla informativa e entregará os primeiros composteiros individuais para as familias con casas con horta das parroquias de San Pedro e O Pazo mañá xoves ás oito da tarde na sala multiusos do Concello.
A veciñanza destas dúas zonas xa foi convocada formalmente e agárdase que se poidan repartir preto de medio centro de composteiros individuais domiciliarios dos preto de trescentos que se entregarán en total no concello grazas á subvención da Deputación de Pontevedra. As charlas e os repartos, que son abertas tamén a outras persoas doutras localidades do municipio, seguirán nas vindeiras ata cubrir o reparto para as vivendas previstas.
Segundo explica a técnica de residuos da Deputación Estefanía Alfonsín, coordinadora do Plan Revitaliza no concello de Mondariz Balneario, o reparto comézase agora despois de ter realizado xa visitas a todos os habitantes da vila. “Xa falamos cos residentes habituais, pero somos conscientes de que haberá outros que teñan aquí a súa segunda vivenda e irán aparecendo pouco a pouco”, explicou.
Na charla de mañá expertos en compostaxe da asociación Amigos da Terra explicarán como se debe montar o composteiro, a súa mellor ubicación dentro da finca particular, así como o seu funcionamento para acadar un bo compost. Unha vez dada toda a información, entregaranse os composteiros aos veciños asistentes, xunto cun aireador, un termómetro para controlar o material a compostar e unha guía con diferentes datos útiles. Posteriormente estes veciños e veciñas recibirán asesoramento do persoal de seguimento, e recibirán unha media de tres visitas anuais por casa para resolver dúbidas e controlar que o proceso de compostaxe no composteiro individual se fai correctamente.
Todos aqueles veciños e veciñas das parroquias de San Pedro e O Pazo que non poidan asistir á reunión poderán dirixirse ao concello co fin de recabar os datos para facerse co seu composteiro.
Mondariz Balneario, un dos poucos concellos que cumprirá cos novos obxectivos da lei
O Concello de Mondariz Balneario será un dos primeiros de Galiza en aplicar a compostaxe como sistema de xestión do lixo. A Deputación concedeulle unha subvención ao abeiro do Plan Revitaliza que permitirá ao goberno local contar cun Plan de Residuos específico para o municipio e unha axuda económica de 197.597,39 euros para adquirir composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios.
Para completar o salto total á compostaxe, o concello de Mondariz Balneario solicitou á Deputación 290 composteiros individuais coas súas correspondentes ferrramentas e accesorios, así como once centros comunitarios de diferente número de módulos (3-6-9), os fondos para realizar as obras das plataformas, a creación dun punto limpo e dun almacén pechado para o estruturante, así como dúas minitrituradoras, 30 microtrituradoras e un vehículo tipo pick-up e unha trituradora de maior tamaño.
A cambio da subvención recibida, asegundo explicou o vicepresidente Mosquera no seu momento, Mondariz Balneario terá como obriga retirar os colectores da chamada ‘fracción resto’ -aos que se pode botar todo tipo de lixo- con data límite de decembro de 2018. Nese momento deberá haber unha división do lixo diferenciada entre biorresiduos -nos composteiros-; metais, plásticos e envases; papel e vidro nos seus correspondentes recipientes.
O vicepresidente explicou que o Plan Revitaliza pretende estender de xeito ambicioso a compostaxe para que os concellos cumpran a normativa estatal, que vai ser modificada en breve e que obrigará a que en 2020 os concellos de máis de 5.000 habitantes composten ou recollan os seus biorresiduos de maneira separada de forma obrigatoria. De feito, grazas ao Plan Revitaliza Mondariz Balneario será un dos poucos municipios de todo o estado que poderá cumprir os prazos establecidos pola normativa.
Nestes momentos en Mondariz Balneario tamén está instalado un centro de compostaxe comunitario que dá servizo á veciñanza do núcleo da vila, a unha escola infantil e a un establecemento de hostalería, e que está funcionando con moi bos resultados.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.