Galicia presentará os avances do proxecto Sealab no deseño dun laboratorio portátil para analizar a calidade da auga

A investigación do Centro Tecnolóxico do Mar e dos seus socios céntrase no desenvolvemento e integración de nanosensórica, robótica e novos sistemas de xestión de información neste equipamento
Publicado por o día 15/09/2019 na sección de Galicia,Mar,Vigo

Galicia presentará os avances do proxecto Sealab no deseño dun laboratorio portátil para analizar a calidade da auga

O Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), dependente da Consellería do Mar, busca desde hai ano e medio cos seus socios do proxecto Sealab o xeito de mellorar os servizos de análise de determinadas substancias prioritarias nas augas interiores e, con ese obxectivo, está a traballar no desenvolvemento dun innovador sistema de medición da calidade da auga. A finalidade é desenvolver un laboratorio portátil que incorpora nanosensórica e que desde un vehículo de superficie non tripulado de doado despegue envía información das súas misións a unha plataforma que xestiona e centraliza a información, facilitando a toma de decisións aos seus usuarios.

Precisamente, para presentar os avances do proxecto, a Fundación Cetmar acolle o próximo mércores unha xornada de difusión. Ese laboratorio incorporará, ademais dun sistema de toma e xestión de mostras automatizado, unha nova sensórica de desenvolvemento propio baseada no uso das denominadas Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais para a determinación de substancias prioritarias, clasificadas así segundo a Unión Europea porque supoñen un risco significativo para o medio como son compostos orgánicos, elementos derivados de usos industriais ou degradación de combustibles fósiles, entre outros.


O proxecto Sealab, que comezou en 2018 e se desenvolverá ata setembro de 2020, está liderado pola empresa galega Indrops Laboratorio, xunto a Industrias Ferri, Imatia Innovation, e coa participación do INL (International Iberian Nanotechnology Laboratory) e a Unidade de Tecnoloxías Mariñas do Centro Tecnolóxico do Mar. A iniciativa conta ademais co financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) mediante o programa Conecta Peme 2018, que pretende fomentar a cooperación entre pemes e outros axentes do sistema rexional de innovación mediante o apoio a proxectos de I+D+i orientados ao mercado.

A xornada de difusión do proxecto Sealab celebrarase na sede da Fundación Cetmar en Vigo o vindeiro mércores a partir das 10,45 horas. A asistencia é de balde previa inscrición vía web neste enlace, onde tamén se pode consultar o programa do evento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.