Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de folga do vindeiro 8 de marzo para que todas as traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade.
1. Cal é a miña situación laboral no día de folga?
Durante a xornada de folga, o contrato de traballo está suspendido, ficando sen efecto as obrigas recíprocas da traballadora e a empresa: traballar e pagar o salario. Para os efectos de Seguridade Social, a traballadora permanece nunha situación asimilada á alta.
2. Canto me poden descontar pola folga?
No día de folga, descóntase a parte proporcional dos conceptos salariais e extrasalariais que correspondan a esa xornada, así como das partes proporcionais das pagas extraordinarias. Ao tratarse de paros parciais, descontarase o tempo do paro: 2 horas do salario diario. O teu dereito ao goce de festivos e vacacións non se ve prexudicado polo feito de secundares a folga.
3. Teño a obriga de comunicar á empresa que vou á folga?
Non, o dereito á folga faise efectivo unha vez que esta comeza. Non tes a obriga de comunicares á empresa se vas facer folga ou non. É máis, pedir a unha traballadora que asine un escrito manifestando a súa intención de secundar ou non a folga é unha infracción administrativa e pódese denunciar perante a Inspección de Traballo.
4. Se asinei un papel na empresa dicindo que non vou facer folga, podo mudar de opinión?
Aínda que llo asinases con sangue. O dereito á folga é un dereito irrenunciábel e exércese no momento en que a folga comeza. O documento que asinaches non é vinculante porque vulnera un dereito fundamental.
5. Pódenme despedir ou sancionar por ir á folga?
De ningunha maneira. O dereito á folga é un dereito fundamental. En caso de sanción ou despedimento, sería considerado nulo e o empresario ou empresaria tería que reincorporarte nas mesmas condicións que tiñas.
6. Pode calquera empresa fixar servizos mínimos?
Os servizos mínimos están destinados á estrita prestación dos «servizos esenciais para a comunidade» (sanidade, educación, hixiene pública, transportes públicos, etc.) durante a folga, polo que é a Autoridade Laboral a que estabelece en que empresas e administracións hai que facelos e en que consisten. As empresas que non prestan estes «servizos esenciais para a comunidade» só poden impor «servizos de mantemento», destinados a garantir a seguridade das persoas e locais e o seu mantemento (instalacións, maquinaria, materias primas, etc.) cando sexa necesario, mais nunca con carácter produtivo.
7. Se me designan para os servizos mínimos aínda que sexan abusivos, teño que ir traballar?
En principio, si. Non ires traballar cando es designada para os servizos mínimos pode ser motivo de sanción ou mesmo de despedimento disciplinario. Así pois, debes ir ao teu posto de traballo e recorrer xudicialmente os servizos mínimos impostos se entendes que son indebidos ou excesivos.
8. É delito que a empresa me diga que se non vou traballar o día de folga me ateña ás consecuencias?
Por suposto que o é. A folga é un dereito fundamental, polo que a coacción para evitar o seu exercicio está tipificada como delito. Se a empresaria ou empresario fai iso con testemuñas, debes comunicalo ao sindicato para presentarmos a correspondente denuncia.
9. Compútase o día de folga para os efectos de cálculo do absentismo laboral?
Non. Está expresamente excluído este suposto para os efectos de cálculo do absentismo laboral.
Calquera dúbida que teñas sobre a convocatoria da folga podes consultala no sindicato. Os enderezos e teléfonos de todos os nosos locais telos na seguinte ligazón: http://cig.gal/locais.html
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.