Rías Baixas presentará a súa Gran Festa do Turismo en Vigo

A Gala, centrada no patrimonio da provincia, terá lugar o mércores e será un evento “dinámico, innovador e con excelentes actuacións”
Publicado por o día 25/02/2018 na sección de Galicia,Turismo,Vigo

Rías Baixas presentará a súa Gran Festa do Turismo en Vigo

A Gala de Turismo da provincia xa ten data. O acto, organizado pola Deputación de Pontevedra, terá lugar no Auditorio Mar de Vigo o mércores 28 de febreiro a partir das 20 horas. Lonxe de ser un evento máis, “non deixará indiferente a ninguén”, segundo palabras da presidenta da institución provincial, Carmela Silva, quen destacou que “a gran Festa do Turismo será un evento dinámico, innovador e con excelentes actuacións”.

O obxectivo do encontro é presentar a nova campaña de turismo da provincia 2018 que, baixo o lema “Somos historias”, virará en torno ao patrimonio material e inmaterial. A campaña, que ten como fío condutor a figura da escritora María Vinyals, foi estreada en FITUR e cultivou unha excelente acollida. A curtametraxe “Somos historias”, gravado en 18 localizacións da provincia, acumula máis de 10.000 reproducións nas redes sociais de Turismo Rías Baixas.

A campaña ten como obxectivo promocionar o patrimonio da provincia a partir de oito eixos diferenciados: Fortificacións, Arqueoloxía, Paisaxe, Natureza, Literatura, Relixión e Espiritualidade, Etnografía e Cultura e Patrimonio Inmaterial, dedicado este último ás festas (47 delas de Interese Turístico), lendas, tradicións e costumes.

Á Gala de Turismo están convidados alcaldesas e alcaldes de todos os concellos de Pontevedra, así como persoas representantes do sector turístico. Entre elas figuran responsables de todas as entidades que obtiveron o certificado SICTED, cuxo título se entregará durante a Gala. Suman 151, e unidas ás xa existentes alcanzan as 225 distincións, convertendo a Rías Baixas no primeiro destino nacional con maior número deste tipo de certificados.

A promoción do turismo da provincia de Pontevedra continuará con presentacións en Madrid , Barcelona, Lisboa e O Porto

Ademais, a presidenta da Deputación anunciou que a promoción turística da provincia de Pontevedra continuará con presentacións en cidades como Madrid, Barcelona, Lisboa e O Porto, dentro da estratexia de proxección nacional e Internacional do destino Rías Baixas.

A campaña segue o ronsel iniciado no Plan estratéxico de turismo 2017 – 2020, presentado pola Deputación o 19 de decembro de 2017. Nel búscase continuar impulsando o turismo, que xa supón o 12 % do PIB de Galicia, con cimentos como o turismo de calidade, sustentable e innovador e principalmente dirixido cara á desestacionalización das actividades turísticas. De aí as oito liñas de actuación mencionadas anteriormente que buscan dar a coñecer ás persoas visitantes todas as virtudes e patrimonio que Rías Baixas  pode ofrecer máis aló do sol e a praia.

A idea de fomentar e apoiar os atractivos turísticos relacionados co legado material e inmaterial da provincia converxe directamente con que 2018 é o Ano Europeo do Patrimonio Cultural.