As obras para a dotación e mellora de infraestruturas nos campos municipais de fútbol da Lagoa, en Mondariz, entran no tramo final de execución, estando previsto que estean rematadas a finais do mes de setembro. Hoxe o proxecto, financiado na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra con 529.962,31 euros ao abeiro do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos, foi visitado polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, que supervisou as actuacións xunto ao alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, as deputadas provinciais Raquel Giráldez e Olga García, e José Manuel Vicente, presidente do Mondariz FC.
Durante a visita, Santos Héctor destacou da remodelación dos campos municipais de fútbol da Lagoa que “agora os veciños e veciñas de Mondariz, especialmente os nenos e nenas, poderán gozar dunhas instalacións deportivas axeitadas, tal e como merecen”.
O deputado tamén fixo fincapé na importancia desta obra porque “cubre as necesidades demandadas polos usuarios e usuarias e conséguese unhas instalacións accesibles co fin de promocionar o deporte entre os colectivos de persoas co diversidade funcional”.
Pola súa parte, o alcalde da vila, Xosé Emilio Barros, recalcou a “necesidade destas obras para o concello de Mondariz, pois estas instalacións serán empregadas diariamente por 200 nenos e nenas”. Xosé Emilio Barros tamén agradeceu “o apoio da Deputación e o esforzo feito polo Goberno de Carmela Silva, xa que a súa chegada supuxo un cambio substancial na xestión dos recursos grazas a plans como o de Reequilibrio ou o Plan Concellos que, con criterios obxectivos, están a permitir que concellos como o noso poidan levar a cabo importantes actuacións como a que visitamos hoxe”.
Máis polo miúdo as obras que se están a realizar nos campos de fútbol da Lagoa serven para reubicar espazos e unificar os dous campos nunha soa zona e para acadar unhas instalacións adecuadas ás necesidades da cidadanía de Mondariz, instalando aseos para uso xeral, unha zona de cantina, un almacén, zona de lavandería e un pequeno despacho administrativo. Amais, tamén levouse a cabo unha ampliación dos vestiarios e o complexo contará con balsas ecolóxicas para a depuración da auga, unha solución que vai na liña da aposta da Deputación de Pontevedra pola sustentabilidade.
Santos Héctor tamén lembrou o apoio que está a dar a Deputación de Pontevedra aos concellos da provincia. No caso concreto de Mondariz, recibiu na anterior lexislatura máis de 5 millóns de euros, “o maior investimento neste concello na historia da Deputación de Pontevedra”. O deputado de Cooperación engadiu que “no Plan Concellos 2019 investimos este ano en Mondariz máis de 525.000 euros, un 3,03% máis que en 2018”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.