A convocatoria de eleccións a decano/a da Facultade de Filoloxía e Tradución pechouse esta semana sen a presentación de ningunha candidatura polo que o actual decano, o profesor e investigador Luis Alonso Bacigalupe, continuará un tempo máis á fronte do centro como decano en funcións co compromiso de convocar un novo proceso electoral. “Non foi algo inesperado, tradicionalmente non é doado cubrir este cargo no noso centro, de feito, previamente ás eleccións nas que fun elixido decano houbo un longo período de interinidade e dúas persoas ocuparon o cargo en funcións”, explica Alonso Bacigalupe, quen fora elixido en novembro de 2015 co apoio do 69% da Xunta de Facultade.
Profesor do Departamento de Tradución e Lingüística, Luis Alonso chegou ao cargo acompañado pola docente Maruxa Cabeza, que se fixo cargo da Secretaría; Jorge Figueroa e Maribel del Pozo, dos vicedecanatos de Relacións Internacionais; Inmaculada Anaya, de Organización Académica e Susana Rodríguez, de Calidade. Dende entón, houbo algúns cambios debido a diferentes circunstancias e na actualidade fíxose cargo da Secretaría a profesora Susana Cruces e do vicedecanato de Calidade María Dolores González Álvarez.
“É un traballo apaixonante”, pero tamén “moi sacrificado”
Como valoración xeral do seu traballo á fronte do decanato, Luis Alonso destaca que “é un traballo apaixonante, xa que podes participar no desenvolvemento da universidade e, por tanto, da sociedade, orientándoo, ata certo punto, na dirección que un considera axeitado”, pero, doutra banda, admite tamén que se trata dalgo “moi sacrificado que esixe un gran nivel de compromiso e dedicación cuns medios e capacidade de manobra moi limitados”. A todo isto considera que hai que engadir un labor de mediación entre os intereses, prioridades e necesidades dos diferentes grupos que conforman unha facultade.
“Ao longo destes tres anos traballamos por darlle un pulo aos estudos e á investigación en letras e humanidades e por lograr unha maior presenza da FFT na sociedade e nos medios de comunicación, sempre cunha mensaxe positiva: as letras (as linguas, a tradución, a literatura, a socioloxía) impórtanlle moito á sociedade e teñen unha función social crucial”, explica o decano, quen fai fincapé en que as competencias comunicativas hoxe son tan necesarias como as técnicas nos labores profesionais e, nesta liña, o coñecemento de linguas é unha competencia básica para empresas e institucións na súa proxección internacional.
No eido da investigación o decano destaca o feito de que xa se conseguiron os fondos necesarios para a creación do Laboratorio de Cognición e Linguaxe da Universidade de Vigo, que aspira a ser un dos mellor equipados do Estado e no que colaborarán grupos de investigación tanto do eido das linguas e a tradución como do campos tecnolóxico e médico. Xunto ao traballo na creación deste laboratorio, tamén se puxeron en marcha outras iniciativas relacionadas con servizos de accesibilidade para persoas con necesidades especiais, así como varios cursos de especialización pioneiros en España. “Traballouse moito na promoción de actividades culturais como un instrumento de visibilidade do centro” e, “igualmente importante”, desde o decanato tentouse xerar un sentimento de pertenza e compromiso coa facultade (diferente do compromiso con cada un dos seus títulos), tanto entre o profesorado coma entre o estudantado, “para que traballemos xuntos polos nosos obxectivos e intereses comúns”, e tentouse tamén mellorar os diferentes servizos do centro que máis afectan ao seu día a dia”.
Principais desafíos e demandas
Desde o seu punto de vista, os principais retos para os vindeiros anos pasan por continuar con todo o traballo que xa se puxo en marcha, pois moitas desas cousas están “a medio camiño, sen rematar” e outras son un labor constante para toda a facultade. “O desafío é levar adiante todas esas cousas que comezaron agora”, subliña Alonso, que sitúa tamén como un reto crucial todas as cuestións relacionadas coa captación de novo estudantado. “A maiores, necesitamos diversas reestruturacións e melloras en edificios e infraestructuras básicas: a FFT é o máis vello dos edificios da UVigo e precisa dun investimento importante neste sentido”, recalca o actual responsable do centro.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.