O tempo de espera media cirúrxica en Galicia é de 66,4 días, case dous días menos con respecto a decembro de 2016

O xerente do Sergas destacou que 1.293 persoas beneficiáronse da entrada en vigor en xaneiro do decreto de tempos máximos, co que se completa o compromiso de desenvolvemento da Lei de Garantías
Publicado por o día 27/01/2018 na sección de Sanidad

O tempo de espera media cirúrxica en Galicia é de 66,4 días, case dous días menos con respecto a decembro de 2016

O tempo de espera media cirúrxica en Galicia é de 66,4 días, o que supón unha diminución de 1,9 días con respecto a decembro de 2016. Este dato consolida a tendencia decrecente dos datos nos últimos anos e sitúase como a cifra máis baixa de toda a serie histórica. O xerente do Sergas indicou que con estes datos, a previsión é que Galicia continúe como unha das comunidades con esperas máis baixas dentro do Sistema Nacional de Saúde que en decembro de 2016 tiña unha espera de 115 días.

Ademais, o Servizo Galego de Saúde continúa garantindo o compromiso de atender as enfermidades máis graves (prioridade 1) por baixo dos 30 días, cun tempo de espera media de 18,1 días. Son datos que esta mañá destacou o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, na presentación do informe de lista de espera a 31 de decembro de 2017, acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal.

O xerente do Sergas destacou que 1.293 persoas beneficiáronse da garantía establecida coa entrada en vigor do decreto de tempos máximos de atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente de dous meses (60 días naturais) para intervencións cirúrxicas. O texto normativo tamén fixa un máximo de 45 días para as primeiras consultas externas e 45 días para as primeiras probas diagnósticas ou terapéuticas en atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente. Nos primeiros doce días desde a entrada en vigor, do total de 1.293 persoas, ao 6,11% (79 persoas) se lles ofertou levar a cabo a intervención ou proba noutro centro de saúde do Sergas. Todos os casos obtiveron resposta dentro da rede pública do Servizo Galego de Saúde.

Con este decreto, que entrou en vigor o pasado día 10 de xaneiro completouse o compromiso de desenvolvemento regulamentario da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias. Antonio Fernández-Campa tamén salientou que este decreto pasa dunha xestión global de tempos de espera por prioridades, para todas as doenzas, a un compromiso individual por patoloxías. A selección deste procedementos realízase tendo en conta a gravidade das patoloxías, a efectividade e a oportunidade da atención sanitaria e os protocolos de priorización contrastados coas sociedades científicas.

Previamente, no marco da Lei de Garantías, realizáronse os decretos de libre elección de medicina de familia, pediatría, profesional de enfermería, hospital ou complexo hospitalario, iniciado en marzo de 2015 e do que xa se beneficiaron 282.636 persoas; e tamén o decreto de segunda opinión médica, de abril de 2015, e a través do que 1.071 persoas exerceron o seu dereito de segunda opinión médica e se lle estimou.

Vías rápidas e consultas de enfermidade

O Sergas ten implantado o sistema de vías rápidas que permite dar unha resposta aos pacientes con sospeita de patoloxía grave. O tempo de derivación dende o profesional de medicina de Atención Primaria ao especialista do hospital é de 5,9 días, 0,7 días menos de espera media que en 2016 cando a espera foi de 6,6 días. Están implantadas en todos os hospitais do Sergas as vías rápidas para pacientes con sospeita de proceso oncolóxico para cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, cancro otorrinolaringolóxico (cabeza e colo), e melanoma. Durante 2017 beneficiáronse das vías rápidas 17.181 pacientes (28,74 % mais que no 2016); isto é, 3.836 pacientes mais que no mesmo período do ano anterior.

No que atinxe ás primeiras consultas de enfermidade nos hospitais, o tempo medio de espera consolídase por debaixo dos 50 días, en concreto situouse nos 46,6 días. O pasado ano 2016, o tempo medio de espera situouse en 47,3 días, moi inferior tamén á media do Sistema Nacional de Saúde que a decembro de 2016 era de 72 días.

Probas diagnósticas e consultas de enfermidade

No que atinxe ás probas diagnósticas, en 2017 o tempo de espera media foi de 76,8 días, case nove días menos que en 2016, cando o tempo de espera media para a relización dunha proba foi de 85,7 días.

Neste senso obsérvase que as probas máis realizadas -que son as de radioloxía convencional, as ecografías e o TAC e representan o 64% do total das probas- son as que máis se teñen reducido na comparativa con 2016. Así, destacan 14 días menos de espera media no caso do TAC, que se reduciu ata 59,7 días en 2017 fronte a 73,7 días na mesma data do ano anterior; no caso da radioloxía convenional o tempo de espera media a decembro de 2017 é de 30,6 días fronte aos 34,4 días de espera media de 2016, e a radioloxía de mama pasou de 83,4 días de espera media en 2016 a 70,8 en 2017.

Os indicadores xerais de listas de espera nos hospitais do Servizo Galego de Saúde pódense atopar, detallados, na páxina web do Sergas.