Últimas prazas para a Xornada Medioambiental “O Camiño Aguárdate”

Publicado por o día 21/01/2020 na sección de Galicia,A Guarda

Últimas prazas para a Xornada Medioambiental “O Camiño Aguárdate”

Esta fin de semana A Guarda acolle a primeira das actividades do proxecto “O Camiño Aguárdate”, coa que o concello participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

A finalidade do proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.

Nesta primeira actividade convídase tanto a veciños da Guarda, como da contorna a coñecer o Camiño de Santiago dende a perspectiva medioambiental, contando coa colaboración da Asociación A Jalleira AFEA e a Comunidade de Montes de Camposancos.

Os participantes nesta actividade percorrerán o Camiño de Santiago dende a Pasaxe ata a ladeira do Monte Trega, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e   problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, posteriormente os participantes prantarán árbores autóctonas que convivían antigamente no Camiño como cereixeiras, nogueiras ou castiñeiros. Esta prantación realizarase nos terreos cedidos para a ocasión pola Comunidade de Montes de Camposancos e ó remate da xornada unha pequena merenda coa que repór as forzas e comentar as experiencias do día.

Esta actividade que se realizará o sábado 25 e o domingo 26 de xaneiro en horario de 10 a 13h.,  ten un aforo limitado de 25 prazas por día, polo que é preciso anotarse previamente en cultura@aguarda.es, no 986610000 ext.5, ou no formulario online https://forms.gle/pdP648PRndqLHRQ9A . A estación do Ferry será o punto de encontro para iniciar a andaina.

Maís actividades

«O Camiño Aguárdate» traerá á Guarda ademais unhas Xornadas Divulgativas sobre o Camiño de Santiago e visitas teatralizadas.

As Xornadas Divulgativas contarán coa participación de especialistas universitarios e do mundo empresarial co obxectivo de debater sobre o Camiño de Santiago e a súa evolución e atraer á poboación local a que se interese e reflexione sobre a importancia que ten en moitos aspectos da vida diaria da vila, realizaranse en varias sesións no vindeiro ano 2020.

As visitas teatralizadas mistura a creatividade teatral, a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño e a revalorización da peregrinaxe coma forma diferente de viaxar.

A compañía Os Quinquilláns, serán os encargados de realizar as visitas teatralizadas que terán lugar no Castro do Monte Santa Trega cun total de 8 sesións, para o público xeral e alumnos de secundaria, ata a primavera do 2020.