Tanto persoas sen coñecementos musicais previos como aquelas que queiran mellorar o seu dominio dun determinado instrumento e afondar na riqueza da música tradicional galega teñen un espazo na Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus, unha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría que esta semana abría o seu período de inscrición. Cun máximo de 26 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición, esta actividade, ao igual que os obradoiros de Extensión Cultural que promove a Vicerreitoría, está aberta á participación non só da comunidade universitaria, senón da cidadanía no seu conxunto. Dirixida por Luis Torres co profesor e gaiteiro Luis Sánchez Bolón como docente, a aula combinará nas súas sesións semanais, que arrincan o 17 de outubro, o traballo por separado cos diferentes instrumentos cunha franxa común que reunirá gaitas, pandeiretas, tamborís, zanfonas ou frautas.
“Penso que dar a coñecer a nosa cultura a través da música, a través dos instrumentos, é case unha débeda e nese sentido desde a Vicerreitoría queremos apoiar todo este tipo de iniciativas dirixidas ao fomento da nosa cultura”, salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto, dunha actividade que, dando continuidade aos obradoiros de interpretación de instrumentos populares, ponse en marcha por segundo ano. Con dous períodos de inscrición, un por cuadrimestre, e un prezo de 26 euros para as e os integrantes da comunidade universitaria e de 40 para o público en xeral, a aula desenvolverá as súas sesións nas tardes dos mércores na Escola de Enxeñaría Forestal.
Unha hora máis para o traballo por separado
En cada sesión, combinarase o traballo con grupos reducidos, repartidos por especialidades, e un tempo de práctica individual supervisado con “aulas colectivas” nas que se reunirán os diferentes instrumentos. “Con respecto ao ano pasado, engadimos unha hora a maiores para darlle un pouco tempo máis a cada instrumento”, apunta Luis Torres dunhas sesións que se desenvolverán en tres fases entre as 16.00 e as 21.00 horas. A primeira, estará dirixida á aquelas persoas que queiran iniciarse ou perfeccionar os seus coñecementos de gaita e zanfona, sucedida posteriormente polo bloque de interpretación en grupo “fundamental na aprendizaxe dun instrumento”, mentres que a última franxa da tarde estará dedicada á frautas e instrumentos de percusión.
Unha división á que se suma o traballo por separado, dentro de cada grupo, con dous niveis, aqueles e aquelas que queiran comezar a tocar un instrumento e aqueles que buscan avanzar no seu manexo, “para que así cada alumno poida avanzar ao seu ritmo”. De feito, como recoñece Torres, a aula conta cun bo número de asistentes “que continúan desde o principio dos obradoiros”, o que axudou tamén á creación dun grupo de música tradicional no campus que, nese senso, buscará tamén nesta aula permanente incorporar novos músicos ás súas filas.
Tamén é tempo para inscribirse no coro
Ademais de abrise o período de inscrición nesta aula permanente, esta foi tamén a semana de inicio dos ensaios do Coro do Campus de Pontevedra, que se desenvolven os luns e xoves de 18.00 a 20.00 na aula de música da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e aos que pode achegarse calquera persoa interesada en formar parte do grupo que dirixe o profesor Marco Lucato, tamén aberto á participación do conxunto da cidadanía.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.