Un documental impulsado pola Concellería de Deportes homenaxea a loita e os éxitos das heroínas do deporte feminino pontevedrés

A peza audiovisual, producida por Miguel Riaño, editada por Fernando Portela e guionizada por Silvia Vieito, estrearase no Principal o venres 15 de xaneiro, nun pase que incluirá un coloquio con varias das súas protagonistas
Publicado por o día 10/01/2021 na sección de Galicia,Pontevedra

Un documental impulsado pola Concellería de Deportes homenaxea a loita e os éxitos das heroínas do deporte feminino pontevedrés

Un documental producido por Miguel Riaño, guionizado pola xornalista Silvia Vieito e editado polo realizador Fernando Portela recolle en algo máis de media hora a loita, éxitos profesionais e avances acadados durante as últimas décadas por varias das mulleres que representan o pasado, presente e futuro da elite do deporte feminino pontevedrés. A peza audiovisual, impulsada pola Concellería de Deportes e titulada ‘Pontevedra gaña con elas’, rende homenaxe ao difícil camiño que en moitos casos tiveron que percorrer estas heroínas para chegar á cúspide das súas disciplinas deportivas e para obter o recoñecemento que merecen por levar o nome da nosa cidade polo mundo adiante.

“Un 5% é a porcentaxe de presencia media das mulleres na información deportiva de ámbito estatal”. Con esta cifra resume Vieito ao inicio do documental a discriminación sexista que aínda sofren a día de hoxe as deportistas femininas á hora de seren visibilizadas mesmo cando chegan a representar ao noso país nas olimpíadas e non paran de bater récords. Unha historia de superación que ‘Pontevedra gaña con elas’ narra a través de entrevistas a lendas do noso deporte como Ana Penas, primeira muller pontevedresa en participar nunha olimpíada e piragüista presente en Barcelona, Atlanta e Sidney; Bea Gómez Cortés, nadadora olímpica en Londres 2012 e campioa do mundo júnior en 2011; Teresa Portela, piragüista olímpica en Sidney, Atenas, Pequín, Londres e Río de Janeiro, que agora loita por converterse na primeira muller española en participar en seis Xogos Olímpicos; Paula Carballido, nadadora olímpica en Sidney 2000 e récord de España de 200 estilos (só batido por Mireia Belmonte); Lydia Pérez Touriño, loitadora da Selección Española de Loita 15 veces campioa nacional e cuarta de Europa en categoría sub-23 en busca de clasificarse para os Xogos de Tokio, ou Chus Sanguos, atleta dúas veces campioa de España júnior, máis de 30 veces campioa de Galicia en diferentes especialidades e máis de 20 veces campiona do mundo e de Europa en categoría máster, así como posuidora de varios récords europeos e dun mundial.

Unha lista de heroínas que completan Silvia Aguete, porteira do Poio Pescamar e da Selección Española de Fútbol Sala, campioa de Europa, dúas veces mellor porteira nacional e mellor porteira porteira do mundo en 2019; Águeda Cons, tres veces subcampioa de Europa júnior de natación e dúas veces terceira do mundo júnior; Nieves Gamallo, ex xogadora do Teucro, fundadora do club feminino Enxoval e delegada da Selección Española nas olimpíadas de Barcelona e Atenas; Lupe Murillo, presidenta do Pontevedra CF; Mayte Méndez, histórica adestradora do Arxil, e Charo Castro, presidenta da Sociedade Ximnástica. Asemade, na peza audiovisual menciónanse outros nomes propios do deporte feminino  galego como Támara Echegoyen, medalla de ouro de vela en diferentes xogos olímpicos e mundiais, e Teresa Abelleira, primeira futbolista en asinar un contrato profesional en Galicia.

O documental foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o seu impulsor, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, o produtor Miguel Riaño e o realizador Fernando Portela, acompañados por algunha das súas protagonistas: Nieves Gamallo, Mayte Méndez, Lara e Carmen Gómez Cortés (nadadora e triatleta, respectivamente, e irmás da olímpica Bea Gómez Cortés) e Beatriz Cortés Donsión (nai das deportistas). O concelleiro socialista asegurou que ‘Pontevedra gaña con elas’ “pretende ser unha humilde homenaxe e unha reivindicación dunhas mulleres que non só abriron o camiño do deporte feminino senón que o elevaron literalmente ata o Olimpo do éxito e que, polo tanto, merecen que non se lembren delas unicamente cada catro anos, no mellor dos casos, ou que as súas fazañas poidan caer no esquecemento”.

Fernández subliñou que “Pontevedra vive o deporte como poucas cidades do Estado”, con máis de 2.500 rapazas e rapaces nas escolas deportivas, aos que hai que sumar aquelas modalidades non incluídas neste ámbito, como é o caso do piragüismo, que suma algún cento máis, “e con deportistas de alto nivel, participantes en Xogos Olímpicos, campioas de España, Europa e mesmo do mundo entre as nosas deportistas, adestradoras de alto nivel, equipos nas mellores ligas femininas do Estado, responsables de clubs históricos, pioneiras do deporte cando practicar actividades físicas por parte das mulleres estaba mal visto…”. “Heroínas -afirmou o concelleiro socialista- no amplo sentido da palabra, da primeira á última. E a pesar de todo iso, do orgullo que sentimos por todas elas, e a pesar do seu esforzo, non nos imos enganar: seguen a estar moito menos consideradas do que se merecen, seguen a padecer discriminacións e cada paso que se avanza no deporte feminino supón un esforzo moito maior que o que fai falla para avanzar no masculino”.

Embaixadoras dun modelo de cidade que loita pola igualdade

Tal e como sinalou Tino Fernández, “este documental cumpre con varios obxectivos: por un lado, visibilizar a situación pasada e presente do deporte feminino, tanto dende a perspectiva das deportistas como dende outros ámbitos como o das adestradoras, as responsables de equipos e mesmo as nais, e trasladar as dificultades que hai ao longo deste camiño; e polo outro, honrar a aquelas mulleres de Pontevedra que traballaron e traballan pola dignidade do noso deporte, para que se coñezan e valoren os seus triúnfos e para que sexan recoñecidas como o que son, triunfadoras e embaixadoras dun modelo de cidade que loita pola igualdade”. “E queremos -engadiu o tenente de alcalde- que serva de estímulo para animar a participar do deporte en tódalas súas facetas, porque precisamos de máis deportistas, responsables de clubs, adestradoras, delegadas de equipo…”.

Segundo avanzou, a estrea oficial do documental terá lugar o vindeiro venres 15 de xaneiro ás 20:00 horas no Teatro Principal, e tralo seu visionado celebrarase un coloquio que estará moderado pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, e no que tomarán a palabra algunhas das deportistas que participaron na súa realización. A entrada será de balde, se ben, por mor da situación sanitaria, restrinxirase o acceso a un máximo de 30 persoas, previa inscrición a través do correo electrónico ‘info@metropolis.coop’.

Miguel Riaño explicou que o documental “foi bastante complexo a nivel de documentación”, precisamente “porque o deporte feminino ten un grao de invisibilización bastante grande, e atopar información sobre as persoas que foron pioneiras e que levaron a bandeira do deporte feminino en Pontevedra non resultou doado”. O produtor matizou que para o seu equipo “foi un reto fuxir dos deportes que posúen un maior peso na sociedade” e darlle “unha representación multidisciplinar, tanto dende o punto de vista dos deportes como das diversas perspectivas: preparadoras, deportistas e mesmo das nais”.

Beatriz Cortés, nai de tres deportistas, agradeceu o traballo dos impulsores do documental, xa que “é moi importante que pensen nas mulleres e, sobre todo, nas deportistas e deportes minoritarios e individuais, que apenas teñen axudas”, mentres que Mayte Méndez fixo fincapé no “inmenso esforzo que supón para as mulleres combinar o ámbito deportivo co familiar e o laboral” e no “cambio bestial” que se produciu durante os últimos anos. Non obstante, a adestradora do Arxil apuntou que, pese a que a situación mellorou, “non podemos baixar a garda, porque os medios, instalacións e apoios seguen a ser poucos”.

O teaser do documental ‘Pontevedra gaña con elas’ xa está dispoñible na canle de Youtube do Concello a través do seguinte enlace: