A cidade polaca de Katowice acolleu a pasada fin de semana a xuntanza final do proxecto Eramus + Que pode facer o Design Thinking pola integración de inmigrantes e refuxiados? (What Design Thinking can do for the Integration of Migrants and Refugees?). Tras un ano de traballo, a Universidade de Vigo, xunto a ONGs de Polonia e Lituania, coordinadas polas institucións Graceland e Eduplius, respectivamente, pecharon todas as compoñentes administrativas do proxecto, planificaron as actividades que se van levar a cabo nos países dos grupos participantes ata decembro e presentaron un libro de utilidade para as persoas que traballan con persoas inmigrantes e refuxiadas.
“No proxecto, que tiña como obxectivo dotar ás ONGs que traballan con inmigrantes e refuxiados de ferramentas creativas para apoiar a súa integración na sociedade de acollida, o Grupo de Innovación Docente Desire da Universidade de Vigo achegou a súa experiencia en Design Thingking (DT) como metodoloxía que busca levar a cabo proxectos centrados nas persoas, de xeito que acheguen solucións a problemas reais e compartidos cos usuarios finais”, explica Íñigo Cuiñas, docente e investigador da EE de Telecomunicación, que xunto a Manuel Caeiro, viaxou a Polonia á xuntanza final do proxecto. Desire, coordinado por Manuel Fernánde Iglesias, encargouse no inicio do proxecto de impartir un obradoiro activo de Design Thinking para as e os participantes das ONGs, e tamén se ocupou da descrición da metodoloxía que se inclúe no libro que serve como manual para as ONGs. A derradeira acción terá lugar o vindeiro xoves, 28 de novembro, na EE de Telecomunicación, onde se levará a cabo un novo obradoiro de Design Thinking dirixido a ONGs e voluntarios de Vigo e a súa bisbarra.
“O balance é moi positivo. É a nosa primeira experiencia de aplicación de Design Thinking en ámbitos lonxe da especialidade dos participantes, como é a enxeñaría, e con persoas que non están directamente vinculadas ao ámbito académico”, explica Cuiñas, que asegura que foi moi interesante traballar con ONG,s e poder achegar un coñecemento a súa tarefa con inmigrantes e refuxiados, algo que se insire na denominada terceira misión da universidade, “aplicando coñecementos e experiencia adquiridos no desenvolvemento profesional como enxeñeiros”.
Unha publicación que amosa que o uso do DT non precisa de técnicas complexas
Como usar Design Thinking para integración de migrantes e refuxiados, no que participou o grupo Desire, asegura Íñigo Cuiñas que non é un texto para o ensino de DT, unha metodoloxía que se describe en detalle en moitos manuais, libros e tutoriais, tanto en soporte tradicional, como en formato dixital. “Tampouco ofrece solucións inmediatas para abordar os problemas de integración das persoas inmigrantes, aínda que agardamos que as solucións que propoñemos poidan resultar inspiradoras para outras organizacións e comunidades que se preocupan por elas”, sinala Cuiñas, que explica que o obxectivo principal da publicación é amosar que o uso do DT non require coñecementos especializados ou técnicas complicadas. “Son suficientes algunhas ferramentas básicas e a vontade de experimentar, para aplicar na práctica esta metodoloxía, á que súa simplicidade converte nun instrumento eficaz para usar, non só en grandes proxectos, senón tamén, para resolver problemas a escala local”, detalla o investigador, que asegura que as súas experiencias demostran que o DT é igualmente produtivo en pequenos equipos e organizacións, como en grupos informais.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.