Unha plataforma virtual para a aprendizaxe de rapaces con necesidades especiais sitúa a cinco estudantes da Universidade na final do Vodafone Campus Lab

O gañador recibirá un premio de 20.000 euros para desenvolver o seu produto
Publicado por o día 13/04/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Unha plataforma virtual para a aprendizaxe de rapaces con necesidades especiais sitúa a cinco estudantes da Universidade na final do Vodafone Campus Lab

“Se alguén nos chega a dicir que estariamos na final a día de hoxe, non o cremos nin de broma”. Con esta contundencia exprésase Daniel Soneira cando se lle pregunta se pensaba que Lume, o equipo de cinco estudantes de cuarto curso do Grao en Enxeñaría de Telecomunicacións do que  forma parte, chegaría á final do Vodafone Campus Lab. Os alumnos da Universidade de Vigo, que elixiron o seu nome “copiando un pouquiño ao satélite da Universidade”, concorreron xunto a outros 22 equipos de 17 institucións académicas españolas, á primeira edición do Vodafone Campus Lab, unha experiencia de aprendizaxe para desenvolver a capacidade de innovación de estudantes universitarios e crear solucións a retos de innovación en ámbitos como a  responsabilidade social corporativa, Big Data, procesos de clientes ou red/radio. Transcorridos seis meses desde o seu inicio, a experiencia chega a súa final, que se celebrará o vindeiro 24 de maio en Madrid, e na que o equipo da EE de Telecomunicación formado por Martín Álvarez (24), David Iglesias (23), José Antonio Álvarez (22), Iván Mariño (22) e o propio Daniel Soneira (23), medirase aos representantes das universidades de Granada, Alacante e Autónoma de Madrid. O premio: 20.000 euros para o desenvolvemento do produto ou servizo que presentan á convocatoria e tres meses de asesoramento prestado por profesionais.

“Tiñamos este equipo formado para unha materia de proxectos do grao, que coordina o profesor Manuel Caeiro, que foi que nos suxeriu que participásemos e aínda que, a verdade, nun primeiro momento iamos bastante desganados, a medida que avanzábamos, fomos enganchándonos cada vez máis á experiencia e agora non nos arrepentimos nada”, afirman os estudantes, sobre a formación e evolución do equipo nesta experiencia, que ten unha dinámica moi marcada. Primeiro, o equipo escolleu de entre os retos con finalidade social propostos pola organización o traballo con realidade aumentada en aulas de estimulación sensorial para rapazas e rapaces con necesidades especiais. A comezos de decembro do ano pasado, a organización seleccionou 10 dos 22 equipos que comezaron no Vodafone Campus Lab e que quedaron reducidos a tres a mediados de marzo (catro neste caso ao empatar dous deles), nunha segunda fase centrada na evolución das ideas. No FabLab, os equipos finalistas recibiron o asesoramento de profesionais para pechar as súas ideas e modelos de negocio, que presentará o 24 de abril ante un xurado, que seleccionará a idea gañadora.

MediAdapt, unha plataforma didáctica que axusta contidos segundo sinais fisiolóxicos

“A idea sobre a que traballar para nada estaba clara ao principio…tiñamos outras ideas inicialmente, pero nas propostas de Vodafone formulaban algúns retos determinados e foron os estudantes os que chegaron á proposta final considerando os retos. Todo o mérito do traballo é deles”, asegura Manuel Caeiro, docente e investigador do Departamento de Enxeñaría Telemática e titor do equipo. Coordinación e cohesión é o que, segundo Caeiro, caracteriza a este grupo de estudantes, dos que tamén destaca a motivación “que aínda que ao principio non fose moi clara, a medida que foron desenvolvendo o proxecto e implicándose nel, converteuse nalgo moi destacable”, sinala o docente.

En canto ao prototipo, MediAdapt, co que o equipo de estudantes da EE de Telecomunicación concorrerá á final da Vodafone Campus Lab, Daniel Soneira explica que “propoñemos unha plataforma de contidos didácticos gamificados en realidade virtual, distribuídos por temática ou materia, nos que o alumnado teña liberdade de elección para escoller o que queira facer no momento, onde aprenda mentres xoga, sempre coas e cos docentes, dende unha postura de análise clínica”. A proposta do equipo complétase cunha pulseira con sensores que monitorizan as reaccións do alumnado antes as dinámicas, o que, consideran, poder ser de grande utilidade no caso de rapazas e rapaces con dificultades comunicativas.

“O máis innovador da súa proposta é que pretenden facer uso de wearables (produtos que incorporan un microprocesador, que utilizamos como unha parte de nós), máis concretamente dos sensores dos que dispoñen, para desta forma axustar os contidos á resposta que detectan na persoa a través de sinais fisiolóxicas como o ritmo cardíaco ou a suor”, detalla Caeiro en relación con MediAdapt.

O mellor premio: a experiencia

Cando restan menos de dúas semanas para a celebración da final do Vodafone Campus Lab, os integrantes de Lume consideran que aínda que existen posibilidades de gañar, a competencia é dura, en especial por parte dos equipos das universidades de Alacante e Madrid. “Intentaremos ir a por todas o día 24 en Madrid, sempre desde o respecto e a admiración. De todos os xeitos, chegados ata aquí, sabemos que xa temos a experiencia e a oportunidade aproveitada con nós como premio, que é o máis importante ao fin e ao cabo”, aseguran os estudantes.

Atrás queda medio ano de traballo nunha experiencia que consideran moi enriquecedora e útil, pero non exenta de dificultades, en especial as derivadas de estudar o grao e nalgúns casos, tamén, compatibilizar un traballo. “Conseguir sacar todo adiante, ou incluso quedar entre nós, convertíase nunha odisea. Intentabamos que o traballo que presentabamos cada semana fose bo. E sen pecar de falsa humildade, moitas veces atopabámonos o domingo pensando que o que entregábamos non era o suficientemente bo, aínda que despois sempre adoitaba suceder que os resultados eran bos. O que si podemos dicir con seguridade é que hai unha gran cantidade de traballo detrás”, afirma Soneira. Pola súa banda, Manuel Caeiro considera que para a EE de Telecomunicación, que un equipo de alumnos chegase á final do Vodafone Campus Lab “refórzanos no traballo que desenvolvemos dende a escola. Xa non só neste caso, senón tamén noutros anteriores con Telefónica, vemos que as metodoloxías e ferramentas que utilizamos no centro son as mesmas que usan na industria e que o noso alumnado ten competencias que son valoradas”, sinala o docente e titor, que reitera que o mérito deste logro é maioritariamente dos estudantes.