Vigocultura oferta ata o mes de abril 36 funcións para todos os públicos no Auditorio Municipal do Concello

Os abonos para a programación deste semestre pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10, con importantes descontos do 10 e 25 % respectivamente.
Publicado por o día 22/01/2018 na sección de Concello de Vigo,Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

Vigocultura oferta ata o mes de abril 36 funcións para todos os públicos no Auditorio Municipal do Concello

O venres 26 de xaneiro, ás 18:00 h, arranca a programación municipal de artes escénicas e musicais, VIGOCULTURA, correspondente ao primeiro semestre e organizada pola Concellería de Cultura. Trátase dun espectáculo de rúa “A tropa do Doutor Milagre” da compañía EducaTeatro, que irá desde a farola da praza de Urzáiz pola rúa do Príncipe; o espectáculo repetirase o sábado 27 no mesmo horario. Será o primeiro das 36 funcións previstas nesta nova tempada, que volverá contar con teatro, música, monicreques, comedia, danza, circo e un espectáculo para bebés.

A programación de música, teatro e danza VIGOCULTURA para os meses de xaneiro a abril volve apostar por unha liña de continuidade que pretende seguir consolidando públicos a través das artes escénicas cos mellores espectáculos que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela, e incorporando novas linguaxes e formatos escénicos nunca vistos até o momento neste recinto. O programa contará con sesións para público adulto, os venres ás 21 horas, e con programación destinada a público familiar, que continuará realizándose os domingos ás 18 horas.

O venres 2 de febreiro comezará a programación no Auditorio Municipal do Concello, co último Premio Nacional de Teatro: a compañía Kamikaze co seu espectáculo Arte. A compañía Contraproducións, con Nacidas Libres, e o grupo musical De Vacas completarán a programación para adultos no mes de febreiro, que pechará coa última produción da compañía Voadora, Garage. Este espectáculo está protagonizado por traballadoras da industria automobilística, resultado dun conxunto de entrevistas realizadas nas fábricas na procura das mulleres e as súas circunstancias e que contará con traballadoras da fábrica de Citröen de Vigo e con voluntarias de diferentes xeracións vencelladas coa fábrica.

Dentro do apartado de estreas, podemos resaltar a compañía Ibuprofeno Teatro, que estreará a súa nova produción Casa O’Rei os días 2 e 3 de marzo; e a produtora viguesa De Ste Xeito Producciones, con Loló e Mamá o venres 20 de abril.

A maior novidade deste periodo consistirá nun programa especial denominado 3×3, que ofrecerá 3 espectáculos, 3 disciplinas artísticas e en 3 espazos distintos do propio auditorio, como son os cameríns, o vestíbulo e o propio escenario. As compañías Teatro en Punto, Teatro Aforo e Producións Dispersas serán as encargadas de que os espectadores pasen dun espazo a outro a través de curtas teatrais de 15 minutos, para rematar cun espectáculo íntimo e unipersoal no propio escenario.

Para os mais cativos e as súas familias a oferta complétase con compañías como Perez&Fernandez, Ghazafelhos, Malasombra Producións, Zum Zum Teatre, Tanxarina, Berrobambán e Elefante Elegante (co último Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil). Como en cada edición, haberá un espectáculo para bebés, neste caso a cargo da compañía Viu el Teatre.

Como ven sendo habitual, conmemorarase tanto o Día Internacional da Muller (8 de marzo) como o Día Internacional da Danza (29 de abril), con programación especial adicada a estas temáticas, a cargo de Teatro del Barrio, Caramuxo Teatro, Novagalega de Danza e Entremáns. Tamén haberá unha fin de semana adicada ao circo, protagonizado por Lucas Locus e Circo Mediterráneo.

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios como polas ordenanzas fiscais municipais. Os prezos das entradas para os espectáculos para adultos serán de 10, 9 e 8 €, dependendo dos cachés das compañías e grupos, e os dirixidos a público familiar de 5 €.

Para fomentar a utilización das canles de venda anticipada e para evitar as colas no despacho de billetes antes de comezar os espectáculos, cos conseguintes retrasos no comezo das funcións, o Concello asumirá o custe dos gastos de xestión na venda anticipada. Deste xeito, o espectador pagará o mesmo mercando a entrada en anticipada que o propio día no despacho de billetes do Auditorio. As entradas poden adquirirse anticipadamente (sen gastos de xestión), a través da páxina web de Ticketea (www.ticketea.com), no teléfono 902.044.226, en Discos Elepé (r/ Doutor Cadaval, 35), ou ben o mesmo día do espectáculo, a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas disponibles).

Os abonos para a programación deste semestre pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10, con importantes descontos do 10 e 25 % respectivamente.