A segunda sesión das ‘Visitas Cruzadas‘, que estará protagonizada pola actriz e cantante Iria Pinheiro e polo director de Urco Editora, David Cortizo, esgotou as entradas en menos de 12 minutos. Un dato que, sumado ao acontecido na anterior sesión que se esgotaran en menos dun minuto, confirma a alta demanda que este programa está espertando entre o público, e que transcende máis aló do ámbito local e provincial.
“Temos o Museo Nacional da Galiza” volveu repetir o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, onte na benvida ás persoas participantes na primeira das sesións, e aproveitou para convidar a todos os asistentes a visitar o Museo máis de vagar á marxe das visitas deste ciclo. O deputado tamén aproveitou a súa breve intervención para poñer en valor a riqueza da cultura galega, que na sesión de onte estaba representada pola cantautora Sés e polo músico e escritor Xurxo Souto.
Hai que lembrar que cada luns, a partires das 8:00 horas, se abre o prazo para anotarse para a visita do domingo desa mesma semana. As 50 primeiras inscricións realizadas por estrita orde de entrada dos correos serán as participantes desa semana. As inscricións deben realizarse exclusivamente vía correo electrónico no enderezo do gabinete didáctico: gabinetedidactico.museo@depo.es. Poden participar persoas de 14 anos en adiante, e en cada correo electrónico poderán inscribirse un máximo de 4 participantes. Tras a sesión do domingo 15, o programa continúa o domingo 22 coa actriz e comunicadora Nieves Rodríguez e o escritor, editor e director de Galaxia, Francisco Castro; e rematará o domingo 29 con cinema con Margarita Ledo e Xacio Baño.
Reivindicación social e universo marítimo
A reivindicación social, fundamentalmente do mundo rural, e o universo marítimo foron os temas centrais das visitas guiadas por Sés e por Xurxo Souto.
Sés tan só escolleu tres obras para establecer todo un percorrido emocional e reivindicativo sobre a forma de representación social a través da arte. A cantautora comezaba a súa visita cunha frase do artista brasileiro Portinari “a arte ou é arte ou é merda”. Detívose en primeiro lugar no óleo de Fernando Álvarez de Sotomayor titulado ‘De volta’ (1955) facendo unha crítica da representación idílica e pouco veraz do agro galego que se facía na arte do rexionalismo. “Calquera que saiba como é o agro de verdade e das penalidades que naquela época se pasaban, verán que este cadro non amosa a realidade” aseguraba Sés. Como contraposición a esta forma de representación, escolleu o debuxo de Castelao ‘A paisaxe non se come, meu vello’ (1916-18). “O mundo era rural, e segue sendo rural por moito que agora se diga e se queira facer ver o contrario, e daquela a xente morría de fame e este debuxo representa aquela realidade” asegurou. Tamén fixo unha defensa do compromiso do autor rianxeiro coa sociedade do momento e asegurou que, na actualidade, estamos a revivir algunhas daquelas situacións de miseria e precariedade, sobre todo no relacionado coa necesidade de emigrar.
A última das obras escollidas foi a escultura de Uxío Souto ‘Adversidade e morte’ (1928), da que asegurou que “me conmoveu e me emocionou moito”. Centrouse na representación da morte e do sufrimento que para ela representa a peza e rematou facendo unha defensa da expresión das persoas que se dedican á arte como cidadáns e cidadás comprometidas. “Eu tamén me expreso como cidadá, como facían na súa época Castelao ou Uxío” asegurou xusto antes de concluír cantando a capella unha peza sobre a sementeira.
Pola súa banda, Xurxo Souto escolleu a cultura do mar e a súa relación con Pontevedra e con Galiza para fiar o seu percorrido, acompañado por unha corna e polo seu coñecido berro ‘Medre o mar!’ que conseguiu que o público fora coreando con el polas diversas salas do Edificio Sarmiento e do Sexto.
Partiu das salas de prehistoria onde escolleu achados como o concheiro de castro da Lanzada como mostra de marisqueo, ánforas nas que se transportaba viño nos barcos e que “estaban tan ben seladas que para abrilas había que rachalas, para que vexades como de avanzada estaba a tecnoloxía de fai 2000 anos”, e unha estela funeraria na que se pode ver un barco esculpido. Achegouse á pintura do século XIX, escollendo o cadro ‘Ría de Pontevedra’ (1898) de Ovidio Murguía de Castro para facer un alegato da recuperación da Illa de Tambo, con tema musical incluído; e pasou pola pintura de Carlos Sobrino ‘Santa María desde a Caeira’ (1929) como exemplo do que denominou “a metrópole que naquel momento era Pontevedra”, exemplificada pola gran basílica que os mariñeiros foron quen de construír. Outros temas marítimos como “O Berbés” (1931) de Fernando Álvarez de Sotomayor, ou a “Mariña” de Juan Ruiz y Blasco, formaron parte dun itinerario que rematou no tríptico de ‘Os Cegos’ que Castelao pintara no seu momento para o Balneario de Mondariz. “Estes cadros dinnos o que lle quixo ensinar Castelao aos burgueses que ían a Mondariz, e vemos que lle quixo amosar a humildade do pobo, a humildade dos cegos” concluía Xurxo Souto.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.