Xulgado decreta medidas cautelares obrigando a empresa de ambulancias do 061 do Barbanza a realizar test a todo o seu persoal

A raíz das demandas presentadas pola CIG nas áreas nas que aínda non se fixeron estas probas
Publicado por o día 13/05/2020 na sección de CIG,Coronavirus,Salud,Sanidad,Sindicatos

Xulgado decreta medidas cautelares obrigando a empresa de ambulancias do 061 do Barbanza a realizar test a todo o seu persoal

O xulgado do Social número 4 de Santiago de Compostela vén de decretar medida cautelares contra a empresa COEXAM (que ten adxudicado o transporte sanitario urxente no Barbanza) polas cales se obriga a compañía a realizar de xeito inmediato as probas de coronavirus de dobre banda a todos os seus traballadores e traballadoras.

No auto, ditado a raíz das demandas de tutela de dereitos fundamentais con solicitude de medidas cautelares presentadas pola CIG, recoñécese que se está a vulnerar o dereito fundamental á vida e á integridade do persoal das ambulancias, ordénase o cese inmediato desta conduta empresarial e requíreselle para que, de forma “urxente e inmediata”, faga os test de detección de anticorpos para a Covid19 que se están realizando ao persoal sanitario e en tanto dure a vixencia da pandemia.

A Xunta anunciou probas para todo o persoal que non fai

Hai que lembrar que a CIG presentou demandas similares en todas as áreas sanitarias de Galiza (agás en Vigo e A Coruña, nas que si se están realizando as probas) ante a inacción da Xunta, que non está a facerlle as probas da Covid19 a todos os traballadores e a traballadoras das ambulancias, tanto do transporte urxente como do programado, tal e como anunciou hai xa máis de tres semanas.

Uns test que a FGAMT-CIG reclama con urxencia para evitar a expansión dos novos contaxios e comprobar a incidencia da enfermidade entre o persoal do sector, tendo en conta que están en primeira liña contra o coronavirus, en permanente exposición á infección e polo tanto cun elevado risco de contaxiarse, mais tamén de convertese en vector de contaxio para as usuarias e usuarios das ambulancias.

Servizo esencial

Malia isto, a Consellaría de Sanidade non considera os traballadores/as das ambulancias como persoal sanitario e só fixo os tests nas áreas de Vigo e A Coruña, onde ademais tivo que repetilos polas deficiencias das probas. É máis, o SERGAS no seu plan específico de prevención do coronavirus non contempla a actividade das ambulancias como servizo esencial, cando si considera esencial a xestión de residuos, a limpeza ou a seguridade.

Un criterio que contrasta co recollido na sentenza do xulgado de Santiago, que entende prioritario garantir a salvagarda da saúde e a seguridade deste persoal “que presta servizos esenciais para a totalidade da cidadanía”.

Por isto, a CIG reitera á petición a Xunta -como administración responsábel de garantir a saúde pública- para que sen máis demora realice probas válidas a todo o persoal de ambulancias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.