A aplicación de novos modelos de ventilación permitiría unha forte redución da demanda enerxética dos quirófanos

Así o determina o enxeñeiro José Luis López na súa tese de doutoramento
Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A aplicación de novos modelos de ventilación permitiría unha forte redución da demanda enerxética dos quirófanos

A aplicación de novos modelos de ventilación permitiría a día de hoxe unha redución importante da demanda enerxética dos quirófanos sen comprometer a súa seguridade ambiental. Esta é a principal conclusión da investigación levada a cabo polo enxeñeiro José Luis López González na súa tese de doutoramento, unha análise en profundidade sobre a eficiencia enerxética e a seguridade ambiental en bloques cirúrxicos mediante técnicas de simulación.

Os hospitais son edificios cunha alta demanda de enerxía derivada da necesidade de establecer sistemas de ventilación moi esixentes, non só para manter as condicións de confort nas diferentes estancias hospitalarias, senón tamén para dispoñer dunhas condicións de seguridade ambiental e asepsia que protexa aos pacientes, xunto cos profesionais e demais persoal que accede ao edificio, de posibles infeccións, así como para garantir unhas condicións ambientais que eliminen ou reduzan a concentración de axentes contaminantes químicos ou biolóxicos presentes no ambiente. Neste contexto, adquiren especial relevancia as unidades críticas e, máis concretamente, as áreas cirúrxicas, “nas que hai que manter un ambiente controlado nos que a temperatura e a humidade deben estar dentro duns rangos que impidan o crecemento e a proliferación de contaminación microbiana”, recalca o investigador, ao tempo que explica que para conseguilo requírense unhas condicións específicas de ventilación, entre as que se atopan, un alto número de renovacións por hora, das cales unha porcentaxe elevada debe ser de aire exterior.

Os quirófanos teñen un elevado índice de consumo enerxético

Segundo explica o autor da tese, os actuais sistemas de climatización achegan altas taxas de ventilación e unhas rigorosas condicións ambientais ao interior destas unidades, o que incide directamente na súa demanda de enerxía, convertendo así aos quirófanos nun dos locais con maior índice de intensidade enerxética, é dicir, con maior consumo de enerxía por metro cadrado de superficie construída. “Ante esta alta demanda enerxética o que fixemos foi avaliar o potencial aforro de enerxía que pode obterse cambiando os niveis de ventilación dentro das normas establecidas nos diferentes países da nosa contorna, garantindo en todo momento a seguridade ambiental requirida para estas áreas”, explica o investigador.

Para a posta en marcha da investigación elaborouse un modelo dinámico de enerxía específico para o bloque cirúrxico estudado. Empregouse un software para simulacións térmicas e procedeuse tamén a modelar o comportamento da concentración de partículas nun dos quirófanos que conforman o bloque en función da variación das taxas de ventilación e ocupación do mesmo.

As reducións poderían ir do 40 ao 79%

Unha vez analizados os múltiples parámetros e comportamentos térmicos estudados nos diferentes escenarios simulados, as conclusións da tese determinaron de xeito claro que a demanda térmica anual dun bloque cirúrxico podería reducirse nun 40% si a ventilación durante os períodos de inactividade fose realizada cun 50% de aire exterior e “este aforro podería elevarse ata o 53% si dita medida tamén fose aplicada durante as horas de actividade”, subliña López González, quen indica que si se seguisen as recomendacións do estándar ASHRAE, a Sociedade Estadounidense de Enxeñeiros de Calefacción, Refrixeración e Aire Acondicionado,  aceptadas internacionalmente, a demanda térmica total podería reducirse ata nun 79%.

“O aforro potencial de enerxía durante as horas de inactividade, ampliando o rango da temperatura do aire interior a 15ºC-30ªC e non controlando a HR (humidade relativa) alcanza o 50%”, explica o autor da tese, ao tempo que fai fincapé en que neste caso os resultados da simulación amosan que non se producen problemas de condensación durante un ano típico baixo as condicións de ventilación e higrotérmicas estudadas.

A tese, dirixida polos docentes Pablo Eguía e Enrique Granada,  investigadores do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Universidade de Vigo, “pretende abrir unha liña de investigación neste campo que permita avanzar nunha maior eficiencia enerxética sen menoscabo da seguridade ambiental nestas áreas”, explica o investigador, quen exerce como xefe de servizo na Subdirección Xeral de Compras e Servizos do Servizo Galego de Saúde.