A Axencia Tributaria de Galicia inicia mañá a atención con cita previa para realizar trámites de xeito presencial

Os prazos dos principais impostos continúan suspendidos, pero de modo voluntario os cidadáns poden presentar as autoliquidacións se así o precisan
Publicado por o día 17/05/2020 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

A Axencia Tributaria de Galicia inicia mañá a atención con cita previa para realizar trámites de xeito presencial

A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) iniciará mañá a atención con cita previa para realizar trámites de xeito presencial, para que aqueles cidadáns que así o precisen poidan presentar autoliquidacións dos impostos que xestiona a Administración autonómica.

A día de hoxe, os prazos de presentación dos principais impostos xestidonados pola ATRIGA (Transmisións Patrimoniais, Actos Xurídicos Documentados e Sucesións e Doazóns) permanecen suspendidos, tal como establece a Orde da Consellería de Facenda publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 27 de marzo.

Non obstante, aqueles cidadáns que así o precisen poden –de xeito voluntario– presentar as autoliquidacións destes impostos. Para facilitar esta presentación, a ATRIGA activa un servizo de cita previa que permitirá realizar a presentación dos modelos 620 (transmisión de vehículos), modelo 600 (transmisións) e modelos 650/651 (sucesións e doazóns).

Para solicitar a cita previa, as persoas interesadas deben acceder á web da ATRIGA (www.atriga.gal), onde se lle outorgará unha data e unha hora na que será atendida. O día da cita, a persoa non debe presentarse na oficina de atención con máis de 5 minutos de antelación á hora da cita e deberá levar o xustificante da mesma para que o persoal de control de accesos lle permita o acceso ao edificio.

Ademais, deberanse seguir as medidas de protección obrigatorias. Así, o acceso ás oficinas de atención ao público farase de xeito individual, e se nalgún momento as autoridades sanitarias determinan o uso para a poboación, con carácter obrigatorio, de elementos de protección (como máscaras ou luvas), os usuarios deberán portar ditos elementos.

Ao mesmo tempo, deberase manter unha distancia mínima de seguridade de 2 metros cos demais usuarios e co persoal de atención ao público; o tempo de permanencia dos usuarios no interior da oficina non pode superar os 15 minutos, e ao entrar no edificio deberase realizar unha adecuada hixiene das mans, empregando auga e xabón ou unha solución hidroalcohólica. E o público visitante non poderá empregar os equipos informáticos, material de oficina ou outros obxectos dos empregados públicos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.