A Deputación de Pontevedra sumouse ás iniciativas solidarias que pretenden recadar fondos para Bicos de Papel, a asociación de familiares, nenas e nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que ten en mans un proxecto para construír un parque infantil dentro do propio centro hospitalario. Para iso, a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, participará esta tarde nunha xornada sobre Industria 4.0 e nunha cea benéfica no Pazo dos Escudos para conseguir o financiamento que fará realidade o espazo lúdico que pide a asociación.
Máis polo miúdo, o parque infantil que se proxecta construír no Álvaro Cunqueiro simbolizará unha cidade, posto que contará con todos os elementos característicos das urbes: rúas, casas, semáforos… Contémplase dividir o espazo en dúas zonas diferenciadas. Mentres que unha delas terá un carácter máis figurativo, con xogos para as nenas e os nenos máis pequenos, a segunda contará con formas máis abstractas e urbanas para que gocen dela as rapazas e os rapaces máis maiores. Tamén se inclúen elementos de descanso para as persoas adultas.
Bicos de Papel, cuxo obxectivo é axudar ás nenas e aos nenos oncolóxicos, así como ás súas familias, no tempo que dure o tratamento no hospital, prestan apoio psicolóxico e orientación a pais, nais e familiares desde o momento do diagnóstico. O obxectivo que pretende conseguir coa construción deste parque infantil é o de axudar ás crianzas ingresadas para que poidan ter un espazo de ocio durante a súa estancia no hospital. Ademais, Bicos de Papel conta con moitos outros programas que teñen por obxectivo apoiar, educar e conseguir que o entorno hospitalario sexa o máis humano posible.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.