A EE de Minas e Enerxía entrega os premios Enfoca.RME e Curtametraxes enerxéticas 2020

A Delegación de Alumnado tamén organizou diferentes actividades para celebrar a patroa do centro
Publicado por o día 11/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A EE de Minas e Enerxía entrega os premios Enfoca.RME e Curtametraxes enerxéticas 2020

Non puido ser unha celebración como noutras ocasións pero desde a Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía tampouco querían deixar de celebrar a súa patroa, Santa Bárbara. Neste contexto, marcado polas medidas de seguridade fronte á pandemia, este venres celebrouse de xeito semipresencial a entrega de premios dos concursos de fotografía e curtametraxes que se organizan desde o centro co dobre obxectivo de axudar a proxectar as súas titulacións e concienciar sobre a importancia de facer un emprego sostible dos recursos minerais e enerxéticos respectando o medio ambiente.

Máis dun cento de imaxes chegadas de toda España

“Estamos realmente contentos coa consolidación que están a coller estes concursos, sobre todo o de fotografía”, explica o subdirector da escola, Santiago Pozo, quen recalca que este ano no concurso Enfoca.RME se recibiron máis dun cento de imaxes chegadas de toda España, instantáneas coas que hoxe se inaugurou unha exposición no vestíbulo do centro. O xurado elixiu como imaxe gañadora Eólica en acción, do enxeñeiro xubilado José Manuel Maiquez. “Nesta foto quixen representar a enerxía eléctrica producida por unha instalación eólica”, salienta o autor, quen explica que para realizala empregou varias diapositivas, “unha de varias torres eólicas e outra da ponte Paquito de Sevilla, a velocidade de obturación lenta e desde o coche en marcha, tentando simular que os raios eléctricos saen das torres eólicas”. Afeccionado á fotografía e gañador de 13 premios internacionais e 400 premios nacionais, Maiquez traballou durante 26 anos nunha central térmica de Sevilla.

Ademais do traballo de Maiquez, galardoado con 300 euros, tamén recibiron premio Javier González Paz (2º premio), por Demasiado Cerca, e Manuel Diz Folgar (accésit) por Arterias de granito.

O premio de curtas viaxa ata Madrid

Con respecto ao concurso de Curtametraxes enerxéticas, a participación non foi tan elevada, “o cal é totalmente entendible debido ao maior esforzo e implicación que require”, explica Pozo, quen salienta que de todas maneiras, as valoracións do xurado foron moi boas. Neste caso, a proposta gañadora foi Tecnologías power to gas, unha curta realizada por un equipo de alumnas da Universidad Politécnica de Madrid: Alicia Alfaya, Inés Fernández, Laura Huerta, Paula Martínez e Brenda González. “Estamos cursando o terceiro ano do Grao de Enxeñaría en Tecnoloxías Ambientais na ETSI de Montes, Forestal y del Medio Natural”, subliña Brenda González, que explica que con este vídeo buscaron transmitir as potencialidades do hidróxeno como combustible do futuro. “Propuxémonos facer un vídeo o máis entretido posible e alégranos un montón que lle gustara ao xurado”, recalca González.

Neste caso o segundo premio foi para Biogás en países subdesarrollados, de Daniela Arango, Vanessa López, Henry Pizarro, Talita Peixoto e Enma Ugarte.

Múltiples charlas e carreira ‘virtual’

“Este ano un pouco atípico non quixermos deixar de celebrar a nosa patroa”, explica o subdirector da escola, ao que engade que, “un ano máis” desde a Delegación de Alumnado organizaron un ciclo de charlas –do 17 de novembro ao 16 de decembro- nas que docentes e exalumnos/as da escola achegaron diferentes temáticas relacionadas cos estudos que se imparten na escola, e tamén a tradicional carreira de Santa Bárbara que, nesta ocasión, tivo que adoptar tamén un formato virtual.

As charlas continuarán a vindeira semana. O martes 15, será a directora da escola, Elena Alonso a encargada de falar de Minería e Sostenibilidade, e o mércores 16 a investigadora Verónica Salgueiriño  afondará nos Materiais magnéticos nanométricos. A cita será en ambos casos de 15.00 a 16.00 horas

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.