A Guarda promove o Proxecto Trega 2020+5

O proxecto Trega 2020+5 nace co obxectivo de recuperar e consolidar as partes das escavacións antigas para facelas visibles
Publicado por o día 25/01/2021 na sección de Galicia,A Guarda

O Concello da Guarda promove o Proxecto Trega 2020+5 co que se pretende  desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro de Sta. Trega a través dunha actuación integral, de carácter conxunto e coordinado dos diferentes axentes sociais e entidades administrativas envoltas na conservación e promoción do monte.

O Proxecto Trega 2020+5  desenvólvese en torno a tres eixos fundamentais, recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930 e que hoxe se atopan abandonados, manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e expostas ao público e investigar e afondar no coñecemento arqueolóxico do castro, e crear contidos destinados á divulgación e ao desenvolvemento patrimonial.

O castro de Sta. Trega conta cunha longa historia de actividade arqueolóxica, escrita cos nomes da Sociedad Pro Monte, Ignacio Calvo ou Cayetano de Mergelina, entre outros.

No marco do proxecto Trega 2020+5 proponse a reescavación de varios sectores do castro. A actuación arqueolóxica cunha metodoloxía arqueolóxica permitirá recuperar boa parte da información dos traballos antigos e afondar no seu coñecemento por medio da aplicación das novas tecnoloxías.

O proxecto Trega 2020+5 permitirá agora consolidar ao castro como un referente na aprendizaxe dos arqueólogos do futuro por medio dunha escola permanente de arqueoloxía na que cada verán 5 alumnos do máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da USC terán oportunidade de formarse como profesionais, levando a cabo prácticas de escavación, rexistro, topografía, flotación ou mostraxe.

Baixo a dirección científica de Brais Currás da EST-AP do CSIC, e nun proxecto de 5 anualidades, os traballos de recuperación das escavacións antigas do castro permitirán acceder a novos datos que aportarán un coñecemento máis fondo do asentamento.

O proxecto Trega 2020+5 conta co Concello da Guarda coma promotor e tamén coa colaboración do Padroado do Monte Santa Trega e as Comunidades de Montes da Guarda e de Camposancos.