“Nun mundo cada vez máis globalizado e interconectado, as relacións históricas de Galicia con Portugal e os territorios intercontinentais de lingua oficial portuguesa sitúannos diante dunha oportunidade histórica”. Esta é unha das principais conclusións recollidas no libro Galicia e a lusofonía diante dos desafíos globais, resultado do III Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, que o pasado mes de marzo promoveron na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, o volume reúne as achegas de preto de 20 expertos e expertas de diferentes países e pon o foco na “vantaxe competitiva, empresarial, comercial, cultural, deportiva, social e cooperativa” que para Galicia supón o espazo da lusofonía, unha comunidade integrada por preto de 260 millóns de persoas.
Coordinado polos codirectores do congreso, os investigadores do Observatorio da Gobernanza Celso Cancela e Álvaro Xosé López Mira e o director do Igadi, Daniel González Palau, o volume pon de relevo nas súas conclusións a necesidade de “tomar medidas urxentes para materializar estas vantaxes comparativas”, sinalando como un dos “retos inmediatos” a potenciación do ensino da lingua portuguesa en Galicia.
Unha oportunidade para a supervivencia
“O portugués é o idioma máis falado no hemisferio sur”, lembra López Mira, que pon o acento na importancia de aproveitar as vantaxes que a lusofonía supón para Galicia no mundo global, xa que, sostén, “teño claro que se as desperdiciamos nos extinguimos como pobo”. De aí que unha das conclusións do libro sexa a de que “canta máis identidade galega, máis vantaxe competitiva”. López Mira destaca así mesmo a importancia de promover o ensino de portugués, unha das medidas recollidas na chamada Lei Paz Andrade, de aproveitamento da lingua portuguesa e promoción de vínculos coa lusofonía, aprobada en 2014 por unanimidade polo parlamento autonómico. Esta lei, engade González Palau, “abriu unha nova etapa na historia da autonomía” e motivou o impulso de “distintas actividades e programas”, mais, pola contra, a introdución do portugués no sistema de ensino público que se propuña no texto “está a ser incomprensiblemente lenta”, sinala.
Potenciar as relacións cos países de lingua portuguesa debería constituír, a xuízo de González Palau, “un piar do modelo de desenvolvemento de futuro” de Galicia, tendo en conta a súa incidencia nos eidos económico e comercial, pero tamén en ámbitos “onde temos moitas complementariedades co espazo xeopolítico da lusofonía, como o pesqueiro, o académico e de investigación ou o turístico”. Nese senso, as conclusións do libro sinalan o mundo lusófono como unha “área estratéxica prioritaria para a internacionalización de Galicia” e reclaman unha “maior implicación” dos “axentes chave”, á vez que poñen de relevo que a lingua “é un activo chave para as relacións económicas no mundo actual”. Do mesmo xeito destácase como outros dos retos a acometer o ingreso na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), recentemente solicitado polo Goberno de España e que constitúe, como sinala López Mira, “un fito co que haberá que ser consecuentes”.
Catro perspectivas de análise
Enmarcado no proceso de darlle un novo pulo ao Servizo de Publicacións e integrado na súa colección Actas de congresos. Banda amarela, a publicación resultante do congreso celebrado o pasado mes de marzo e que contou co apoio do Concello de Pontevedra, Deputación Provincial e Xunta de Galicia, recolle as diferentes achegas realizadas polos expertos e expertas nas diferentes conferencias e comunicacións, así como nas sesións política, económica, sociocultural e xeopolítica nas que se estruturou o congreso. Así, entre as e os participantes no libro figuran a directora do Centro de Lingua Portuguesa do Instituto Camoes en Madrid, Filipa Soares; o empresario Xosé Carlos Morell, promotor da iniciativa lexislativa popular que deu lugar á Lei Paz Andrade; o escritor caboverdiano Germano Almeida; o escritor timorense Luis Cardoso, o presidente da Rede Galega de Empresa, Manuel Vázquez, o analista brasileiro Wesley Sá Teles ou o coordinador do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares. A este serie de contidos súmase así mesmo unha comunicación de Rocío Carolo sobre a saudade como “elemento de cohesión da lusofonía”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.