A profesora Rosa Alonso afonda nun libro na influencia do idioma materno na aprendizaxe de segundas linguas

Ademais de na pronunciación, léxico, síntese… pode amosarse tamén nos xestos que acompañan a fala
Publicado por o día 05/03/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A profesora Rosa Alonso afonda nun libro na influencia do idioma materno na aprendizaxe de segundas linguas

A influencia da lingua que coñecemos desde nenos maniféstase de xeito claro na aprendizaxe e no xeito de comunicarnos nunha segunda lingua en calquera momento e situación.  A profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Rosa Alonso acaba de publicar un novo libro no que afonda en como inflúe a lingua materna na aprendizaxe dunha segunda lingua, a primeira monografía escrita en español que trata o percorrido histórico da transferencia lingüística e desenvolve as perspectivas actuais sobre o tema para a comunidade investigadora, alumnado e docentes que usan o español como lingua vehicular. O libro titúlase La transferencia lingüística: perspectivas actuales e está editado por Comares, dentro da colección Interlingua.

“Levo anos traballando sobre este tema e a bibliografía está maioritariamente en inglés. Xa hai tempo que tiña a idea de escribir un libro en español para que as persoas que estivesen interesadas nesta cuestión e non manexen o inglés como lingua de traballo puideran ter acceso a información”, explica Alonso, docente do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá especializada na investigación sobre adquisición de linguas e transferencia lingüística.

‘Conceptualizamos’ na lingua materna

Partindo da idea de que unha persoa que aprende un segundo idioma xa coñece a súa lingua materna e, polo tanto, vaille influír en todo o proceso de aprendizaxe dun segundo idioma, a cuestión era dilucidar como inflúe e afecta no desenvolvemento desa segunda lingua. Segundo explica a autora, os estudos feitos ata agora amosan que non só inflúe a nivel formal, en áreas coma a sintaxe ou a fonética, senón tamén a nivel conceptual. “Por exemplo, as  linguas difiren na conceptualización do tempo, en inglés a duración soe indicarse de maneira lineal con expresións do tipo a long time, mentras que en español conceptualizámolo como unha cantidade  e utilizamos expresións do tipo mucho tiempo”, recalca Alonso, ao que engade que cando un estudante inglés aprende español pode dicir largo tiempo en vez de mucho tiempo porque utiliza a maneira de conceptualizar o tempo da súa lingua materna.

Outro exemplo claro é, segundo indica a autora do libro, o uso das preposicións. Os falantes de español teñen dificultades co uso das preposicións in, on e at en inglés ao ter que pasar do uso dunha preposición en español a  tres en inglés. “En inglés estas preposicións indican os significados de contido, apoio e colocación. En español a preposición en carece destes contidos específicos, porque marca a colocación no espazo dun xeito máis xeral”, explica a docente, quen fai fincapé en que os aprendices de inglés deben aprender novos significados e facer distinción espaciais que non existen na súa lingua materna. Non se trata soamente de aprender tres novas preposicións e os seus usos, senón de crear unha nova construción para a configuración espacial.

A importancia dos xestos

Con respecto á análise dos xestos que acompañan a fala, a investigadora indica que se un falante nativo e un aprendiz de segundas linguas describen unha imaxe, o momento no que se produce un xesto na lingua do falante nativo difire do momento no que se produce por parte do aprendiz. “Se dous falantes describen como un can baixa por un camiño, os nativos de español tenden a facer o xesto no momento de producir o verbo baixar  mentres que os  de inglés fano cando indican a dirección, é dicir, o camiño. Os aprendices españois de inglés tenden a facer o xesto cando indican o verbo porque seguen o patrón do español”, explica Alonso.

Cambios evidentes relacionados coa actividade eléctrica do cerebro

E se a influencia da lingua materna pode amosarse no uso dos xestos sen que o falante se decate, o libro salienta que pode tamén afectar á densidade do tecido cerebral de áreas específicas do cerebro ou na súa actividade eléctrica. “A transferencia inflúe na neurofisioloxía do aprendiz de linguas”, afirma contundente a autora do libro. Neste sentido, explica que os estudos que usan as novas tecnoloxías como a resonancia magnética ou o electroencefalograma amosan que existen diferenzas na densidade do tecido cerebral na adquisición do vocabulario na segunda lingua e cambios no fluxo sanguíneo en certas áreas do cerebro en función da lingua que se use.

“Os avances teóricos e empíricos das  últimas décadas permitiron que se resolveran cuestións non resoltas e abriron novas áreas de estudo, como a relación entre transferencia e cognición ou o uso das novas tecnoloxías”, explica Alonso, quen considera que isto require de novas liñas de investigación e da análise de máis dunha lingua. Neste senso, agarda que o libro axude a  contribuír á formación de estudantes, investigadores e profesores que no futuro sigan indagando sobre a influencia interlingüística.

Comentar noticia

Your email address will not be published.