A Rede Localis, xestionada polo Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network da Universidade de Vigo (Gen), presentou este venres un documento no que analiza os novos controis existentes para as entidades locais tras os cambios normativos acontecidos recentemente. A novo marco de traballo, indican, reforza a función interventora e impulsa o control financeiro e a eficacia. As medidas, engaden, “ teñen un claro obxectivo, que é conseguir administracións públicas locais moito máis responsables na súa xestión orzamentaria grazas ao papel da intervención local”.
O documento, o noveno da rede, titúlase Un renovado control interno local e está asinado por Roberto Fernández e Marta Oviedo. Na súa presentación no Club Financeiro de Santiago, tamén participou no acto Alberto Vaquero, responsable xunto a Concepción Campos da Rede Localis. Segundo explican en nota de prensa desde a entidade, o pasado 1 de xullo entrou en vigor o Real Decreto 424/2017, de 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno nas entidades do sector público local. “A nova norma supón unha revolución nas funcións de control financeiro dos interventores locais, como axentes internos fiscalizadores do gasto que realizan as entidades locais, o que sen dúbida mellorará os seus niveis de transparencia”, comentan.
Actuación anual
En todo caso, subliñouse na presentación do documento, para mellorar os mecanismos de control interno das entidades locais é necesario contar “con máis e mellores medios humanos e materiais, unha maior relación co control externo, realizado polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas, e garantir a independencia e autonomía da función interventora”, sinalan desde a rede. Co cambio normativo, sinalan os autores do documento, perséguese un control financeiro da intervención “innovador, eficaz, transparente e proactivo”. Así, detallan, contémplanse as modalidades de control financeiro permanente (verificación continuada das actuacións de gasto desde a óptica económica e financeira para cumprir coa legalidade) e a auditoría das contas públicas a partir de 2019, incluíndose en ambas o control de eficacia. “Deste xeito poderase verificar o grao de cumprimento do gasto cos obxectivos fixados, terase en conta o custo e rendemento dos servizos e potenciarase un uso responsable dos recursos locais”, sinalan desde a Rede Localis.
Segundo detallan en nota de prensa desde a entidade, “co novo marco legal o control financeiro débese realizar anualmente, aplicándose no seu exercicio as normas de control financeiro e auditoría pública vixentes en cada momento para o sector público estatal, e situándose como clave de bóveda o Plan Anual de Control Financeiro”. Con estas medidas, analizan as e os expertos da entidade, perséguese mellorar o exiguo control financeiro das entidades locais, posto que só o 9% delas exerceron en 2015 esas actuacións a posteriori, segundo os datos do Tribunal de Contas.
A situación de partida
Na súa análise do marco local, o documento recolle como actualmente das entidades locais que aplican no seu control interno o réxime de fiscalización previa limitada (control básico da proposta de gasto), máis do 50% só comprobaban a adecuación e suficiencia do crédito orzamentario e a competencia do órgano que xeraba o gasto. Ademais, detallan as e os expertos da rede, máis do 70% destas entidades non realizan un control a posteriori (que implica unha vixilancia moito máis exhaustiva do gasto). “Isto supón un exercicio de fiscalización das contas das entidades locais moi reducido”, subliñan.
“A tenor da evidencia mostrada, desde a Rede Localis consideramos necesaria, entre outras medidas, unha revisión das actuacións e do persoal adscrito ao servizo de intervención nas entidades locais, co obxectivo de mellorar non só a eficacia e calidade dos servizos, senón tamén da xestión pública local, especialmente en materia de prevención da corrupción”, sinalan desde a entidade. Xunto ao anterior, engaden a necesidade dunha maior relación dos mecanismos de control interno cos externos e unha maior independencia e autonomía da función interventora para impedir posibles inxerencias no labor fiscalizador das e dos interventores.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.