A serra do Suído acolle este domingo a última das rutas ornitolóxicas da Deputación “Voando nas Rías Baixas” 2019

Con todas as prazas esgotadas, este percorrido polas comarcas de Pontevedra, Vigo e A Paradanta permitirá coñecer as súas principais especies de aves como as grandes rapaces
Publicado por o día 14/06/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A serra do Suído acolle este domingo a última das rutas ornitolóxicas da Deputación “Voando nas Rías Baixas” 2019

Un grupo de 25 persoas participará este domingo, 16 de xuño, a partir das 10 horas, na última ruta ornitolóxica do programa “Voando nas Rías Baias” 2019 que, neste caso, levará ás persoas participantes á serra do Suído, nos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo. Esta proposta, que organiza a Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife esgotou en pouco máis dunha hora as prazas ofertadas, percorrerá os concellos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo para observar aves rapaces e especies migratorias procedentes de África.

A serra do Suído, situada entre as comarcas de Pontevedra, Vigo e A Paradanta é un sistema montañoso de alto valor ecolóxico, con elevada presenza de aves rapaces e lobo ibérico. A súa principal característica son os altiplanos nas que abundan os pasteiros, monte baixo de breixos, toxos e carqueixas e zonas baixas con vales, cursos de auga e bosques autóctonos. Nestas datas do ano a serra do Suízo é ideal para observar grandes rapaces como o voitre leonado, a aguia calzada, o abelleiro europeo, a aguia cobreira ou o miñato. Ademais, existen exemplares de tartaraña cincenta, gata fornela, lagarteiro común, falcón peregrino, picanzo vermello e tordo charlo. Para poder observar todas as especies, a Deputación pon a disposición das 25 persoas participantes prismáticos, telescopios terrestres de alta gama para poder gozar de aves sen molestalas e unha guía de aves. Ademais, estarán acompañadas de dúas monitoras ornitólogas.

Con esta ruta pola serra do Suído remata a edición do 2019 do programa de ornitoloxía “Voando nas Rías Baixas“. En total, entre xaneiro e xuño e nas cinco rutas propostas, participaron 125 persoas que puideron coñecer as diferentes especies de aves percorrendo o esteiro do Río Miño, a Foz da Ramallosa no Baixo Miño e no Val Miñor; a enseada de San Simón na ría de Vigo a Reserva Ornitolóxica do Grove e o as brañas de Xestoso entre Terra de Montes e Deza.