A Universidade abre a convocatoria de Axudas Propias de Investigación

As solicitudes poden presentarse ata o 26 de xuño e está reservado un orzamento total de 168.500€
Publicado por o día 08/06/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade de Vigo acaba de abrir o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria de Axudas Propias de Investigación destinadas a grupos, centros de investigación e agrupacións estratéxicas. O obxectivo destas achegas é potenciar o desenvolvemento de actividades de investigación colaborativas entre grupos de investigación que axuden a potenciar as liñas estratéxicas da Universidade, así como a transferencia dos resultados no ámbito nacional e internacional. A convocatoria comprende cinco tipo de axudas: contratos programa con grupos de investigación; preparación de proxectos internacionais de I+D+i; reparación de equipamento científico; organización de congresos e reunións científicas e, finalmente, a realización, comisariado e montaxe de exposicións artísticas.

A través destas cinco ferramentas, a Vicerreitoría de Investigación trata de facilitar o financiamento dos grupos de investigación de calidade da Universidade de Vigo e contribuír ao incremento na captación de recursos externos de I+D+i, así como incentivar ao persoal investigador na coordinación e participación en programas internacionais de I+D+i e axudar no mantemento da infraestrutura científica. Ademais, tamén permiten estimular o intercambio de coñecementos entre especialistas e persoal investigador doutros centros de investigación mediante a organización de congresos e reunións científicas e desenvolver a investigación no eido da creación artística. En total, a Vicerreitoría de Investigación reserva un total de 168.500€ para as cinco modalidades: 65.000€ para os contratos-programa; 65.000€  de axudas á preparación de proxectos internacionais de I+D+i; 4500€ para a reparación de equipamento científico; 30.000€ para a organización de congresos e reunión científicas e 5000€ para as axudas para a realización, comisariado e montaxe de exposicións artísticas.

Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, explica que entre os aspectos máis destacables desta convocatoria está a recuperación das axudas para a reparación de equipamento científico, que non se ofertara o ano pasado. “É un aspecto salientable porque moitas das convocatorias de proxectos non teñen contemplado este tipo de gastos e soe ser un problema para os investigadores”. Por outra banda, tamén remarca que se mantén o orzamento de modalidade de axudas para a preparación de proxectos internacionais de I+D+i, algo que considera “moi relevante porque nos derradeiros anos se foi incrementado o número de proxectos internacionais que se acadan na UVigo, e pretendemos que haxa unha progresión no futuro”.

Contratos-Programa con grupos de investigación

A modalidade de contrato-programa permitiría adxudicar axudas a un máximo de oito grupos de investigación, coa finalidade de contribuír ao incremento da súa competitividade na captación de recursos externos de I+D+i. “Este programa de axudas debe servir para que os grupos de investigación que estean en condicións de concorrer ás convocatorias autonómicas anuais para grupos de investigación sobresaíntes, e que non resulten adxudicatarios, poidan dispoñer dun financiamento estrutural que lles permita mellorar suficientemente a súa organización, estratexia e resultados, para ter éxito nunha próxima convocatoria”. Polo tanto, como se recolle na convocatoria, a adxudicación destes contratos-programa debe estar ligada á resolución das mencionadas convocatorias autonómicas, e máis concretamente aos grupos que sendo solicitantes nestas, resultasen ben valorados pero non conseguisen ser adxudicatarios.

Concederase un máximo de oito axudas que estarán destinadas a financiar a investigación do grupo durante un máximo de 12 meses. A concesión da axuda non implica ningún compromiso por parte da Universidade no mantemento da mesma para anos posteriores. O importe máximo da subvención será de 20.000,00 € e poderán solicitar unha destas axudas os grupos de investigación da Universidade de Vigo que, sendo admitidos na convocatoria de Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG para o exercicio 2020 da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, nas modalidades de Grupos de Referencia Competitiva e Grupos con Potencial de Crecemento, non sexan adxudicatarios das mesmas. Non poderán concorrer nesta convocatoria aqueles grupos que xa teñan recibido esta axuda en máis de dúas convocatoria nos últimos cinco anos.

Axudas á preparación de proxectos internacionais de I+D+i

Unha segunda modalidade das axudas propias da Vicerreitoría de Investigación oriéntase á preparación de proxectos Internacionais de I+D+i en convocatorias competitivas e de prestixio, co obxectivo de contribuír ao retorno dos investimentos españois na investigación europea. Belén Rubio destaca a importancia deste tipo de axudas nun contexto de constante crecemento de proxectos internacionais de I+D+i nos que participa o PDI da UVigo. “Dende que se creou a OPI (Oficina de Proxectos Internacionais) estes proxectos tiveron un incremento notable. Por dar unha cifra, no que vai de ano xa se presentaron 65 propostas de proxectos internacionais, a pesar do confinamento, do estado de alarma, e da situación difícil que aínda estamos a vivir”.

Estas axudas están abertas aos equipos de investigación da UVigo que presenten propostas de proxectos ao programa H2020 ou outras iniciativa europeos, ou que asistan aos Info days e a eventos específicos de busca de socios en convocatorias H2020. Poderanse considerar tamén outras convocatorias internacionais competitivas de prestixio, sempre que o importe total do proxecto solicitado pola Universidade de Vigo supere 240.000 €, e participen nel tres países. Inclúense nesta convocatoria a axuda para á preparación de propostas das modalidades Starting Grant, Consolidator Grant ou Advanced Grant, comprometéndose o investigador/a á súa presentación no prazo máximo dun ano dende a obtención da axuda. Concederase un máximo de 20 axudas por un importe máximo de 5000 € para coordinación ou ERCs e 3000 € para participación como socios, que estarán destinada a financiar actuacións como a contratación de consultoras ou de persoal especializado, asistencia a info-days, eventos de presentación e eventos de busca de socios H2020 ou outros gastos asociados á presentación de propostas (traducións, informes de vixilancia ou do estado da técnica,…).

Axudas á reparación de equipamento científico

A convocatoria inclúe tamén axudas para a reparación e mantemento das infraestruturas científicas en funcionamento, que poderán solicitar os grupos de investigación que teñan pagado gastos de pequenas reparacións de equipamento científico no ano 2019 ou 2020 ata a data de peche do prazo de presentación de solicitudes. Só se poderá solicitar unha axuda por grupo de investigación, non podendo solicitar esta axuda os grupos que gozaran, no ano do pago da reparación, de axudas estruturais a grupos de investigación da Universidade de Vigo ou da Xunta de Galicia. Concederanse un máximo de catro axudas cun importe non superior a 1500€.

Organización de congresos e reunión científicas

Estas axudas teñen como obxectivo estimular a organización de congresos científicos sobre problemas especializados concretos, que permitan o intercambio de coñecementos entre especialistas, españois ou estranxeiros, sempre que se cumpra o requisito imprescindible de que se presenten e defendan traballos científicos orixinais que deberán ser publicados nun libro de actas. Poderán solicitar estas axudas os grupos, agrupacións e os centros de investigación da Universidade de Vigo e só se poderá solicitar unha axuda por grupo e por cada congreso. Concederanse un máximo de 12 axudas cun importe máximo de 3000€, que estarán destinadas a financiar os gastos de organización de conferencias e reunións científicas. Os congresos deberán efectuarse durante o ano 2020 ou 2021.

Axudas para a realización, comisariado e montaxe de exposicións artísticas

A derradeira modalidade desta convocatoria de axudas está especialmente orientada ao desenvolvemento do ámbito artístico. Poderán formular solicitudes o persoal investigador doutor que teñan como un dos seus posibles resultados a realización ou montaxe dunha exposición de obras creativas que teñan lugar durante o ano 2020. Cada solicitante soamente poderá presentar unha solicitude por ano e por exposición. Consideraranse tamén as solicitudes presentadas por varios investigadores ou investigadoras no caso de exposicións conxuntas. Así mesmo, poderanse presentar solicitudes de axuda para as exposicións colectivas finais das titulacións impartidas na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo; só se poderá presentar unha solicitude por titulación, que será cursada polo coordinador ou coordinadora da mesma.

Darase prioridade ás solicitudes para exposicións conxuntas nas que interveñan, e presenten a solicitude da axuda, conxuntamente un grupo de investigadores ou investigadoras da Universidade de Vigo, e ás solicitudes de exposicións colectivas de titulacións impartidas na Facultade de Belas Artes. Concederanse un máximo de seis axudas dun importe non superior a 1000€, que estarán destinadas a financiar os gastos de realización, comisariado e montaxe de exposicións artísticas.