A Universidade pon en marcha un Seminario de Pensamento Contemporáneo que se centrará na vida e a existencia e a posthexemonía

Coa participación de expertos de universidades de Michigan, Texas, California ou Stirling
Publicado por o día 06/06/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade pon en marcha un Seminario de Pensamento Contemporáneo que se centrará na vida e a existencia e a posthexemonía

Expertos nacionais e procedentes de universidades de Estados Unidos, Reino Unido ou México daranse cita a finais do mes de xuño no campus de Vigo na primeira edición do Seminario de Pensamento Contemporáneo, unha iniciativa institucional que ten como finalidade abordar temas “candentes na reflexión teórica internacional”, como explican dende o comité organizador, do que forman parte os profesores Manuel Forcadela, do Departamento de Filoloxía Galega e Latina e Helena Cortés, do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá.

Esta primeira edición celebrarase entre os días 28 e 29 de xuño no edificio Ernestina Otero e comprenderá ponencias, relatorios e mesas redondas arredor de dous temas “abertamente polémicos e esperamos que dean lugar a intensas discusións” como son o binomio vida e existencia e o pensamento do Gramsci posthexemónico, relata o profesor da Texas A&M University, Alberto Moreiras.

A función do seminario é fomentar a produción de proxectos de investigación e obradoiros de traballo sobre temas candentes na reflexión teórica internacional. O evento nace, ademais, con vocación de continuidade, co obxectivo de que sexa de periodicidade anual con sede na Universidade de Vigo. Para isto, contan co patrocinio, ademais da Universidade de Vigo, da University of Michigan, Texas A&M University, University of Notre Dame, Lehigh University, University of British Columbia, IBERO – Ciudad de Mexico e University of Stirling.

Xorde dun grupo “interdisciplinario e internacional de estudosos”

Alberto Moreiras, profesor da Texas A&M University é un dos organizadores do evento xunto cos docentes da UVigo Manuel Forcadela e Helena Cortés, explica que o seminario xurde “dende un grupo interdisciplinario e internacional de estudosos vinculados a prácticas teóricas asociadas ao chamado infrapolítica, antifilosofía ou poshexemonía, xente algo revisionista e pouco dada ás piedades académicas tradicionais”.

A celebración deste evento trata de sentar un punto de encontro real, “mais aló dos contactos virtuais” que unían ata agora a especialistas de todo o mundo que agora buscan fomentar encontros persoais onde poder ampliar a discusión e incluír a outros, polo que dende a organización agradecen “a implicación da Reitoría da Universidade e do persoal docente” que se implicou na posta en marcha do evento. Coa implantación desta cita anual foméntase a interlocución dese colectivo de estudosos internacional con intelectuais galegos e outros convidados, que dependerán da temática de cada ano. “O seminario quere simplemente desenvolver conversas ao nivel máis esixente posible sobre cuestións candentes, interesantes, sempre segundo o noso criterio, do que podemos chamar o pensamento teórico do presente en humanidades e ciencias sociais”, remarca Moreiras.

Un simposio, dúas temáticas

Nesta primeira edición do simposio participarán académicos e académicas de universidades como as de Michigan, Texas, California, Cidade de México, British Columbia, Lehigh, DePaul, Londres, Nacional de Córdoba, Iberoamericana, Notre Dame, Emory, Villanova ou Stirling. Os dous días de relatorios xirarán arredor de dúas liñas temáticas diferentes. Por unha banda, proponse a vida vs. existencia, para afondar nas discusións contemporáneas sobre a filosofía do futuro propostas polo pensamento italiano. A segunda proposta é o Gramsci posthexemónico, para buscar un achegamento alternativo ao posmarxismo a partir dunha crítica da obra do pensador sardo cuxa obra ha ter tanta influencia en movementos sociopolíticos recentes.

O programa artellarase arredor de paneis temáticos que o venres versarán sobre existencia e vida, literatura e vida e vida e afectos e o sábado ontoloxía e vida, Gramsci e poshexemonía ou a tecno-existencia. Nestas mesas presentaranse traballos sobre, por exemplo, o espazo infrapolítico da vida relixiosa, as existencias de Sánchez Ferlosio, a ansiedade epocal ou a relación entre a existencia e a tecnoloxía intelixente.