A UVigo ofrece unha formación única no mundo para aprender interpretación simultánea de voz a texto no binomio inglés-español

Trátase de producir subtítulos en pantalla nunha lingua diferente da do orixinal
Publicado por o día 13/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A UVigo ofrece unha formación única no mundo para aprender interpretación simultánea de voz a texto no binomio inglés-español

Para as persoas con algún tipo de limitación auditiva os medios audiovisuais poden supor unha barreira infranqueable e precisan do apoio da interpretación simultánea que converta a voz nun texto lexible para eles. Ese proceso de subtitulación, tanto de español-español como de inglés-español, é no que se centra o curso de especialista en interpretación simultánea de voz a texto posto en marcha pola Facultade de Filoloxía e Tradución.

Un dos seus coordinadores, o profesor Luis Alonso Bacigalupe, destaca que se trata dunha formación especializada pensada para aquelas persoas interesadas na tradución audiovisual e a provisión de servizos de accesibilidade para persoas con limitacións auditivas. Explica que o que se coñece como refalado ou interpretación simultánea de voz a texto na modalidade intralingüísitica, é dicir, sen cambiar de lingua, vense empregando dende hai anos por empresas audiovisuais de Europa central e do norte, Reino Unido, Australia, USA ou Canada, e serve para fornecer servizos de accesibilidade nos medios de comunicación e en educación para persoas con problemas auditivos ou xordas, maiores, ou inmigrantes que poden ler os subtítulos pero non entenden o discurso oral. A achega da Universidade de Vigo neste eido, principalmente da man dos investigadores Pablo Romero e Luis Alonso Bacigalupe, foi plantexarse o reto de realizar este proceso pero cambiando de lingua, traducindo simultaneamente. “Aínda que semella o mesmo, non é en absoluto a mesma tarefa e o labor en interlingüístico implica procesos mentais novos e a necesidade, logo, de desenvolver destrezas novas. De aí xurde o noso curso”, que se desenvolverá dende finais deste mes ata xuño.

Un curso único no mundo, unha profesión por desenvolver

Esta formación é herdeira do  Curso de especialista en refalado interlingüístico. O cambio de nome, explica Alonso Bacigalupe, “é froito das discusións cos profesionais e investigadores” no marco do proxecto ERASMUS+ ILSA no que a UVigo participa como GALMA (Galician Observatory on Media Accessibility) xunto coas universidades de Viena, Amberes e Varsovia e coa cadea de TV belga VRT. A denominación “refalado”, avanza, “non reflicte o labor destes profesionais, xa que é a que se empregaba cando a técnica só se utilizaba para producir subtítulos escritos na mesma lingua do orixinal, mentres que o que se fai neste curso, así como nesta nova profesión e no proxecto ILSA, é producir subtítulos en pantalla nunha lingua diferente da do orixinal… e iso xa ten un nome: interpretación de linguas”. O curso segue a ser “único no mundo neste par de linguas (inglés-español)”, aínda que xa se están a introducir cursos coma este noutros países coas súas linguas de traballo. De feito, a existencia de “tan pouca oferta formativa” é porque “é absolutamente novidoso, é dicir, estamos inventando algo que non existía… e que é moi complicado”. De feito, o docente defíneo como “un traballo tan complicado dende o punto de vista das esixencias cognitivas para as e os intérpretes que hai nada de tempo estabamos aínda a discutir se era viable ou non… o tempo demostrou que si”.

Agora, tras presentar as conclusións do proxecto ILSA e mentres seguen avanzando neste campo de estudo, os investigadores tamén están a traballar coa TVG co obxectivo de que estes servizos de accesibilidade estean dispoñibles tamén en galego.

Interpretación simultánea, refalado intralingüístico e interpretación simultánea de voz a texto
O curso consta dunha parte teórica, de 5 créditos, e outra práctica de 15, nas que se abordarán tres bloques temáticos: interpretación simultánea, refalado intralingüístico español-español e interpretación simultánea de voz a texto inglés-español. O fin último do curso é que o alumnado domine o refalado interlingüístico, é dicir, o que implica cambio de lingua, pero os dous primeiros módulos serven para dotar o alumnado de “destrezas básicas que hai que desenvolver para chegar a dominar esta profesión”. Para Luis Alonso Bacigalupe, a formación debería pasar nun primeiro intre pola interpretación simultánea, “porque é a técnica básica desta profesión e ten preceptos e implica destrezas moi semellantes”. Ao mesmo tempo, o alumnado aprender a técnica do refalado intralingüístico (sen cambio de lingua), que consisten en saber como hai que falarlle a un programa de recoñecemento de voz, como deben ser os subtítulos en pantalla, como se identifican os oradores, a capacidade para resumir información… “Estes dous módulos van á vez e son a base para poder desenvolver despois outras destrezas”, remarca. Así, unha vez se domina isto, a segunda parte do curso “céntrase no refalado interlingüístico ou interpretación de voz a texto, que é o obxectivo final”.

Prazos, prezos e docencia

O curso conta de 20 créditos e desenvolverase en formato completamente virtual entre o 25 de xaneiro e o 4 de xuño. O prazo de matrícula estará aberto entre o 12 e o 19 deste mes para titulados universitarios de primeiro e segundo ciclo, alumnado cos tres primeiros cursos superados e profesionais relacionados con esta especialidade con mínimo de tres anos de experiencia no sector. As clases serán diarias, de luns a xoves, de dúas horas de duración. O importe da matrícula é de 855 euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.