Todas aquelas persoas que desexen visitar este verán as Illas Cíes a partir do 1 de xullo poderán adquirir a súa autorización de acceso no novo sistema integrado de emisións de autorizacións, activado dende hoxe pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Así o avanzou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, durante a entrega dos diplomas aos membros da Garda Civil participantes nun curso sobre dominio público marítimo terrestre nos Parques Nacionais, organizado polo Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN) e Ministerio do Interior; onde recordou que o sistema habilitado hoxe é moi similar ao implantado xa en Semana Santa, baseado nunha autorización personalizada; pero en adiante o novo sistema está tecnoloxicamente integrado cos sistemas informáticos das navieiras permitindo en tres sinxelos pasos, adquirir o billete e emitir a autorización.
Así, as persoas que pretenda realizar unha visita ás Cíes a partir do 1 de xullo deberán completar a través da web https://autorizacionillasatlanticas.xunta.gal a información solicitada en catro pasos, para obter unha prereserva gratuíta, coa que posteriormente adquirir o billete de transporte nunha das navieiras autorizadas.
A directora xeral explicou que esta autorización gratuíta terá unha validez de dúas horas condicionada á adquisición do billete ás navieiras. Unha vez adquirido o billete, o sistema web emitirá a autorización definitiva; pola contra, no caso de que o billete non fose adquirido no devandito prazo, a prereserva perderá a súa validez. Ana María Díaz indicou as operacións que se realizarán para a adquisición da autorización e un proceso telemático, polo que é rápido, eficaz e seguro para os usuarios.
Asemade, aclarou que a implantación deste sistema tamén garante un maior control de acceso ás Illas, xa que impediría a sobrevenda de billetes por parte das navieiras ao terse que ligar o billete de xeito automático a unha autorización, individual, nominal e intransferible para cada visitante.
Non obstante, indicou que a Consellería de Medio Ambiente manterá cos controis das autorizacións dos visitantes para evitar problemas como os acontecidos o pasado verán; polo que se manterán os controis mediante a lectura do código de autorización, tanto nos portos de saída como no desembarco nas illas, para que permitan ás 2.000 persoas que acceden por liña regular, aos 800 campistas e ás 200 persoas de viaxes educativos gozar deste entorno.
Por último indicou, que ata o 30 de xuño convivirán os dous sistemas de autorización, pois no presente mes só se pode visitar as Illas Cíes durante a fin de semana. Deste xeito, os visitantes deberán completar a información solicitada en catro pasos para obter unha autorización, coa que poderá adquirir o seu billete. Este sistema quedará inhabilitado a partir do 1 de xullo, momento no que só se poderá adquirir a correspondente autorización co sistema activado hoxe.
Formación sobre o dominio público marítimo terrestre
A directora xeral de Patrimonio Natural fixo entrega aos membros da Garda Civil que participaron nun curso formativo sobre o dominio público marítimo terrestre nos Parques Nacionais, procedentes de distintas demarcacións costeiras de España.
A directora xeral salientou a necesidade de reciclar e formar aos membros da Garda Civil en materia de vixilancia, inspección, control e denuncia de actividades ilícitas sobre a natureza na Rede de Parques Nacionais, a Rede Española de Reservas da Biosfera ou nos puntos que integran o patrimonio natural do Estado. Agradeceu o traballo de vixilancia de todos estes espazos naturais que realizan máis dun centenar de dotacións da Garda Civil, entre patrullas do Seprona e varias dotacións do Servizo Marítimo, prestando un eficaz traballo para a protección do patrimonio natural.
Durante o curso, os participantes tiveron conferenciase, talleres prácticos e levaron a cabo tarefas de identificación de especies exóticas, colocación de trampeos, ou a identificación de lixo mariño. Tamén se fixo fincapé na lexislación e xurisprudencia na costa e mar, as respostas ante a contaminación mariña accidental, os deslindes, a biodiversidade non intermareal, normativas e protocolos de mostreos, ou salvagarda do patrimonio cultural subacuático.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.