A Xunta activa os apoios para reforzar os clústeres como impulsores da competitividade e a innovación das pemes galegas

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria da liña de axudas para as agrupacións sectoriais, dotada con 2,5 millóns de euros
Publicado por o día 19/04/2019 na sección de Economía,Emprego,Empresas

A Xunta activa os apoios para reforzar os clústeres como impulsores da competitividade e a innovación das pemes galegas

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia unha nova liña específica de axudas co obxectivo de reforzar a actividade dos clústeres galegos no seu impulso á competitividade das pequenas e medianas empresas galegas. Dotada con 2,5 millóns de euros, a iniciativa ten como obxectivo mellorar a fortaleza das agrupacións empresariais innovadoras e consolidadas para que sigan mobilizando recursos e proxectos, e reforcen o seu papel activo na definición de estratexias cooperativas nos diversos ámbitos de desenvolvemento tecnolóxico.

Ademais de continuar co seu papel fundamental de aceleradores da Axenda Industria 4.0, mediante este programa os clústeres poñerán en marcha tanto plans de formación como actividades orientadas ao fomento da dixitalización, a innovación e a internacionalización do tecido produtivo, cunha previsión de mobilización de 5 millóns de euros.

O procedemento de concesión dos apoios farase polo réxime de concorrencia competitiva. Na avaliación dos proxectos, con prazo de execución ata outubro de 2021, teranse en conta o impacto socio-económico da iniciativa apoiada, o grao de representatividade do clúster no sector correspondente e a importancia do ámbito produtivo para Galicia, ademais da vinculación cos obxectivos da Axenda Industria 4.0.

Deste xeito, as axudas pretenden consolidar as agrupacións empresariais como pancas de difusión e pezas estratéxicas no impulso de proxectos innovadores, dando soporte á transformación dixital das compañías do seu ámbito de influencia, especialmente ás pemes, ademais de reforzar o seu papel dinamizador da actividade económica de Galicia.

O programa dá continuidade ás convocatorias realizadas no período 2013-2018 e compleméntase con outras liñas de apoios que contribúen á promoción de iniciativas que lideran estas organizacións, como os proxectos Industria 4.0 ou diferentes accións para facilitar a internacionalización das pemes.