A Xunta convoca hoxe luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) as oposicións para cubrir 323 prazas de emprego público: 269 prazas correspóndense co Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais -as primeiras probas que se celebran para este servizo desde o ano 2006-, e outras 54 prazas son para catro escalas distintas no ámbito da seguridade e saúde no traballo e saúde laboral. Neste caso son as primeiras que se celebran na Administración autonómica.
En concreto, a Xunta recolle no DOG, no caso do Servizo contra Incendios, convocatorias para tres categorías distintas: 114 prazas de bombeiro forestal, 80 prazas de bombeiro forestal-condutor de motobomba, e 75 prazas de emisoristas-vixiantes. As tres convocatorias son de acceso libre e, polo tanto, a elas poderá presentarse calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos.
O proceso selectivo realizarase a través do sistema de concurso-oposición, polo que se terán en conta os méritos de cada persoa, e a titulación académica requirida para poder participar nestas oposicións será o título de ESO ou equivalente. Ademais, as persoas que aspiren a unha praza de bombeiro forestal-condutor motobomba deberán ter o carné de conducir C e B; e para unha praza de bombeiro forestal é preciso o carné de conducir B.
54 prazas no eido da Seguridade e Saúde no Traballo e Saúde Laboral
A Xunta publica tamén hoxe no DOG as convocatorias para 54 prazas no eido da Seguridade e Saúde no Traballo e Saúde Laboral. No subgrupo A1, convócanse 10 prazas para escala superior de saúde laboral e 21 na escala superior de seguridade e saúde no traballo nas especialidades de seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada.
En canto ao subgrupo A2, convócanse 4 prazas na escala técnica de saúde laboral e 19 prazas na escala técnica de seguridade e saúde no traballo nas especialidades de seguridade no traballo e hixiene industrial. En todos os casos, o sistema selectivo será tamén o de concurso-oposición. A fase de oposición constará de tres exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios. Quen a supere participará na fase de concurso onde se valorarán, entre outras, a experiencia laboral e a formación, segundo as bases concretadas na convocatoria.
20 días hábiles de prazo
As persoas aspirantes que desexen participar en calquera dos procesos selectivos que hoxe convoca o DOG deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na páxina web da Dirección Xeral de Función Pública. O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días hábiles, que se contarán a partir do mañá martes. Cada convocatoria inclúe as normas xerais, os requisitos que deberán posuír as persoas aspirantes, os exercicios que deberán realizar e o programa que rexerá o proceso selectivo.
Como no caso da convocatoria das oposicións de auxiliares de clínica –publicada no DOG o pasado 25 de febreiro-, a Consellería de Facenda agarda tamén unha participación masiva nestas probas, que se desenvolverán no Recinto Feiral de Silleda (Pontevedra), que cumpre os requisitos de capacidade, centralidade e seguridade.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.