A Xunta destina preto de 2,8M€ á internacionalización da I+D+I galega co apoio á súa participación no Programa Europeo H2020

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), publica hoxe no DOG un programa de axudas que inclúe dúas modalidades de apoio: á preparación de propostas de calidade a Horizonte 2020 e ao financiamento de proxectos presentados á convocatoria europea Instrumento Peme que obtiveran o selo de excelencia
Publicado por o día 11/05/2020 na sección de Economía,Emprego,Galicia,Xunta de Galicia

A Xunta destina preto de 2,8M€ á internacionalización da I+D+I galega co apoio á súa participación no Programa Europeo H2020

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para este ano das axudas por preto de 2,8 millóns de euros para impulsar a internacionalización da I+D+i galega fomentando a participación no programa marco de investigación e innovación da Unión Europea, Horizonte 2020 (H2020).

Esta liña de axudas, dirixida a pequenas e medianas empresas e organismos de investigación, persegue mellorar a calidade das propostas galegas no programa H2020, así como incrementar o impacto da convocatoria Instrumento Peme da Comisión Europea en Galicia a través do apoio económico ás propostas que recibiron o selo de excelencia sen chegar a obter a axuda europea. As solicitudes serán atendidas por orde cronolóxica de entrada e ata o esgotamento do crédito.

Ata o momento, o retorno acadado polas entidades galegas no programa H2020 é de 123,3 millóns de euros, tendo xa superado o obxectivo dos 120 millóns de euros ata 2020 e supoñendo un incremento en termos absolutos sobre o anterior programa marco (FPVII) dun 38%, cando aínda non rematou H2020.

A convocatoria que hoxe se publica no DOG, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, é pioneira a nivel estatal, ao incluír todas estas liñas de apoio: a de preparación de propostas de calidade tanto de pemes como de organismos de investigación ao programa H2020; e a que permite apoiar propostas de pemes galegas que acadaron o selo de excelencia da Comisión Europea nas Fases 1 e 2 da convocatoria Instrumento PEME de Horizon 2020 que non obtiveron apoio europeo, co fin de optimizar a coordinación entre o Programa Marco (H2020) e o programa FEDER Galicia, de tal xeito que mellore a eficiencia e a eficacia no Sistema galego de innovación do financiamento dedicado a I+D+i.

A primeira das modalidades contempla axudas para actividades de preparación de propostas de calidade presentadas ao Programa Marco de Investigación e Innovación, tanto de xeito individual como en consorcio. Consideraranse propostas de calidade aquelas que acadaron no proceso de avaliación da convocatoria do Programa Marco á que concorreron unha puntuación superior ao 75% da nota máxima establecida. A intensidade da axuda pode acadar o 80% dentro duns limiares máximos en función do rol da entidade e do tipo de convocatoria de H2020 á que se presentaron.

A segunda modalidade divídese á súa vez en dúas: unha que cubre a realización de estudos de viabilidade de propostas individuais presentadas a algunha das convocatorias da fase I do Instrumento Peme do Programa Marco desde o 2016, sempre que esta acadase unha avaliación igual ou superior aos 13 puntos ou fose distinguida co selo de excelencia (a intensidade da axuda pode chegar ata o 70% cun máximo de 50.000 euros) e outra dirixida a financiar a propia realización do proxecto presentado a algunha das convocatorias da fase II do Instrumento Peme do Programa Marco sempre que acadase unha avaliación igual ou superior aos 12 puntos ou fose distinguida co selo de excelencia (a intensidade da axuda neste caso pode acadar o 50% dos custos subvencionables e ata 800.000 euros en función do tamaño da empresa e do tipo de proxecto).

Nesta segunda modalidade tamén serán subvencionables aquelas propostas individuais de calidade que se presenten á nova acción piloto do Consello Europeo de Innovación (EIC nas súas siglas en inglés) que dá continuidade ao Instrumento Peme, incluídos os proxectos presentados ao corte do 20 de marzo do EIC Pilot relacionados coa COVID-19 que finalmente non consigan financiamento e cumpran as condicións desta convocatoria.

En todas as modalidades, será requisito imprescindible que a proposta para a cal se solicita a axuda estea aliñada cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3 Galicia).

Balance da convocatoria de 2019

En 2019 concedéronse, a través desta convocatoria, 1,1 millóns de euros, dos que o 89% foron destinados a pemes e o 11% restante a organismos de investigación. A distribución das axudas entre as dúas modalidades foi: 29 para a preparación de propostas de calidade ao programa H2020 e 3 para o financiamento de proxectos de empresas galegas que obtiveron o selo de excelencia no Instrumento Peme da Comisión Europea.

Comentar noticia

Your email address will not be published.