Aberta, ata o 30 de setembro, a convocatoria de premios á excelencia académica para o alumnado de grao e mestrado

Recoñecen a traxectoria académica do estudantado
Publicado por o día 13/09/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Aberta, ata o 30 de setembro, a convocatoria de premios á excelencia académica para o alumnado de grao e mestrado

Recoñecer o esforzo, o traballo e o mérito docente. Este é o obxectivo dos Premios á excelencia académica, unha convocatoria coa que a Universidade de Vigo, en colaboración co Banco Santander, quere poñer en valor a traxectoria curricular do alumnado que inicia os estudos de grao ou de máster na institución este ano. Trátase de distinguir os estudantes cos mellores expedientes académicos nos estudos previos co fin de incentivar a cultura do mérito e da excelencia e ambas convocatorias estarán abertas ata o 30 de setembro.

Grao

Os premios para o alumnado que inicia os seus estudos de grao están destinados a aqueles estudantes cos mellores resultados académicos na etapa previa á Universidade ou que teñan acadado un relevante éxito nas distintas fases das olimpíadas científicas das diferentes ramas de coñecemento. En total outorgaranse 60 premios de 600 euros cada un, que están destinados a sufragar parte do custo da matrícula no grao.

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que se matricule por primeira vez en 1º curso dun grao na Universidade de Vigo tras finalizar os seus estudos de Bacharelato cunha puntuación igual ou superior a 8,5 puntos ou 9 no caso de ter cursado un ciclo superior. Tamén poden presentar as súas solicitudes as e os estudantes que obtivesen un premio extraordinario de Bacharelato ou Ciclo Superior da Xunta de Galicia no curso 2018/2019 ou que se clasificasen do 1º ao 3º posto da fase autonómica, ou do 1º ao 8º posto das fases nacional ou internacional dalgunha das olimpíadas científicas celebradas no curso 2018/2019, recoñecidas polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, ou pola Consellerías de educación das Comunidades Autónomas, ou aquelas nas que participe algunha Universidade na súa organización.
Os 60 galardóns distribuiranse de xeito que 13 estarán destinados ao alumnado con premio extraordinario de Bacharelato ou Ciclo Superior; 12 ao alumnado clasificado en postos relevantes das fases internacional, nacional ou autonómica dalgunha das olimpíadas científicas; 25 para o alumnado con excelente resultado académico no Bacharelato e dez para o alumnado con excelente resultado académico nun ciclo superior.

Mestrado

No que se refire aos Premios á excelencia académica para o alumnado que inicia os seus estudos de mestrado, nesta convocatoria pode participar as persoas matriculadas por primeira vez en estudos de mestrado no curso 2019-2020 sempre que conten cunha nota mínima que depende da media académica do grao ou licenciatura ponderada coa nota media da titulación.

Concederanse 15 premios distribuídos por eidos do coñecemento, dous no ámbito de artes e humanidades, outros dous nas ciencias e ciencias da saúde, sete no eido das ciencias sociais e xurídicas e catro na enxeñaría. En total, destinaranse a esta convocatoria 9000 euros, sendo a contía de cada premio de 600€.