Afundación convoca unha nova edición do seu tradicional Concurso de beléns

Os beléns participantes expoñeranse ao público desde o 12 de decembro ata o 5 de xaneiro
Publicado por o día 25/10/2019 na sección de Galicia,Vigo

Afundación convoca unha nova edición do seu tradicional Concurso de beléns

Afundación convoca un ano máis o seu Concurso de beléns, un referente na tradición cultural do Nadal en Galicia que este ano cumpre a súa edición número 54. As inscricións para participar pódense formalizar neste formulario e o prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 22 de novembro. Poderá participar calquera persoa ou colectivo, podendo presentar só un belén por cada inscrición. Para a elaboración das obras pódese utilizar calquera tipo de material e deberán montarse sobre unha superficie ríxida dun metro por cada lado.

Un xurado valorará cada belén prestando especial atención á confección das figuras, a composición do conxunto, a orixinalidade, a unidade de estilo, o grao de dificultade e execución. En particular, o xurado prestará especial atención a aqueles beléns que destaquen pola súa innovación, introducindo elementos das novas tecnoloxías, así como aqueles que recollan unha mensaxe ecolóxica de sostibilidade medioambiental.

En función da suma da puntuación acadada en cada unha destas categorías repartiranse os premios, tres individuais e tres colectivos, e ata un máximo de 10 accésits. Tamén se entregará o Premio do público que será outorgado mediante unha votación, aberta ata o 27 de decembro, na páxina da rede social Facebook de Afundación. Todos os nacementos presentados ao concurso expoñeranse ao público na Sala de exposicións do Teatro Afundación de Vigo (rúa Reconquista, s/n) do 12 de decembro ao 5 de xaneiro.