As horas na biblioteca transfórmanse en diñeiro para unha escola en Senegal

A campaña desenvólvese do 5 de novembro ao 5 de decembro
Publicado por o día 05/11/2018 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

As horas na biblioteca transfórmanse en diñeiro para unha escola en Senegal

Como xa vén sendo tradición, un 5 de novembro máis o campus de Ourense únese á celebración internacional da Olimpíada Solidaria de Estudo acollendo un dos seus postos na Biblioteca Rosalía de Castro. Trátase dunha acción de sensibilización e solidariedade internacional a través da cal as horas de estudo das persoas participantes son transformadas por empresas colaboradoras en diñeiro para proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

Organizada por ONGD Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC, a Olimpíada segue este ano a mesma dinámica de edicións anteriores. As persoas que desexen participar nela só teñen que apuntar nun espazo habilitado na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro do campus o número de horas de estudo realizadas nas súas instalacións. Cada hora apuntada ata o 5 de decembro será transformada polas entidades patrocinadoras nun euro para financiar proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

Desde a Oficina de Voluntariado do campus de Ourense animan a toda a comunidade universitaria a colaborar unha edición máis con esta actividade de sensibilización e educación para o desenvolvemento, que quere concienciar, especialmente á xuventude, sobre a importancia do acceso á educación. Baixo os lemas Se estudas, cooperas e Estou onde podo axudar, o obxectivo este ano da iniciativa é continuar estimulando aos mozos e mozas para que adquiran actitudes e comportamentos solidarios e sumar 50.000 participantes e 450.000 horas de estudo ‘doadas’.

Ampliar a escola de Saly Velingara

Coas horas de estudo reunidas en España apoiarase a construción de aulas de Educación Primaria na escola Arco Iris para que os nenos e nenas de Saly Velingara, en Senegal, poidan acceder “a unha educación de calidade”, segundo explican desde a organización. Neste enclave, detallan, a ONGD Coopera e a asociación local Coopera Senegal traballan desde hai anos na mellora da educación e a saúde da poboación infantil. En 2015 construíuse a actual escola Arco Iris con tres aulas de preescolar e unha sala polivalente onde se imparten capacitación e talleres formativos para as familias dos nenos e nenas e as mulleres da comunidade.

Co diñeiro que se recade nesta 16ª Olimpíada Solidaria de Estudo está previsto a construción de seis novas aulas, de 20 alumnos e alumnas por clase, que integrarán o ciclo oficial de ensino de seis a once anos, de acordo coas normas ditadas polo Ministerio de Educación senegalés, estando o profesorado formado integramente por profesionais do ensino con acreditación de título oficial. “O proxecto persigue a continuidade dos propios alumnos na que foi ata agora a súa escola, por medio da construción de seis novas aulas que permitan ás promocións continuar co novo ciclo”, indican desde a organización.