As persoas presas teñen dereito a estar informadas e o Estado debe garantilo, advirte a Comisión Europea

A CE resposta a unha pregunta rexistrada pola eurodeputada Senra denunciando trabas para recibir a publicación de actualidade La Directa
Publicado por o día 26/09/2018 na sección de Política,AGE

As persoas presas teñen dereito a estar informadas e o Estado debe garantilo, advirte a Comisión Europea

O pasado mes de xuño a eurodeputada do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) Lídia Senra dirixiuse á Comisión Europea para denunciar que a varias persoas presas no Estado español vetóuselle o acceso ao número 451 do medio de comunicación en catalán La Directa. Con máis dunha década de traxectoria, esta publicación aborda temas de actualidade, investigación, debate e análise, presentando unha liña editorial significativamente comprometida ca defensa dos dereitos humanos.

En abril deste ano algúns dos presos e presas aos que a editora enviou a publicación non só non a recibiron, senón que no seu lugar algunhas destas persoas recibiron unha notificación informándolles de que o subdirector de seguridade da prisión decidira retela ao considerar que o seu contido tiña por obxectivo “a desestabilización do sistema penitenciario”, considerando por este motivo “non convinte” a súa entrega.

Tendo en conta que La Directa conta con depósito legal, denunciou diante da Comisión Europea Lídia Senra nunha pregunta escrita rexistrada a principios de verán, “esta práctica semella un claro exemplo de censura e ataque á liberdade de expresión, información e prensa”.

Na resposta proporcionada pola Comisaria de Xustiza, Vera Jourová, en nome da Comisión Europea, esta reitera  que tanto a liberdade de expresión como o pluralismo dos medios de comunicación non só son dereitos fundamentais consagrados na Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea,  senon que constitúen “o núcleo dos valores democráticos básicos e dos alicerces esenciais das sociedades democráticas”.

Nesta liña, destaca, é responsabilidade dos Estados garantir o cumprimento destes dereitos, no só seguindo os propios ordenamentos consitucionais, senon tamén habida conta dos compromisos adquiridos en virtude do Dereito Internacional. Polo tanto, sinala especificamente a Comisaria Jourová na súa resposta, o Estado español ten a obriga de respectar marcos normativos como a Recomendación Rec(2006)2 do Consello de Europa sobre las Regras Penitenciarias Europeas, a cal no seu Artigo 24.10 establece que as persoas detidas «poderán estar informadas regularmente dos asuntos públicos, poderán ler diarios, revistas e outras publicacións e subscribirse a elas». Esta situación presenta como excepción o feito de que unha autoridade xudicial e, polo tanto, non o subdirector dunha prisión, prohiba expresamente o acceso a algún medio de comunicación “para un caso individual e por un período concreto”.

“Estamos ante un claro caso de censura. Publicacións, cancións, exposicións fotográficas, libros, obras de teatro… A persecución da mensaxe política difundida a través da arte e da información, a intimidación ás persoas creadoras e ás xornalistas campa ás súas anchas no Estado español… Estamos vivindo unha verdadeira persecución das ideas ao máis puro estilo ditatorial. Estas actuacións, acontecidas maiormente durante o tempo no que o PP estivo no Goberno, evidencia un intento desesperado por querer controlar as opinións e o pensamento das persoas a través do medo e da censura”, criticou a eurodeputada galega. “Situacións coma esta son impropias dun Estado que se di democrático. Agardamos que non se volva repetir e que se depuren responsabilidades”.