Carmela Silva e o alcalde de Covelo poñen en valor a implicación da veciñanza na recuperación do espazo público en Barcia de Mera

A presidenta visitou o esperadísimo proxecto que a Deputación financia ao 100 % e destacou a capacidade da actuación “para transformar o espazo público e recuperar o patrimonio”
Publicado por o día 30/01/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva e o alcalde de Covelo poñen en valor a implicación da veciñanza na recuperación do espazo público en Barcia de Mera

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo, xunto ao deputado provincial Santos Héctor, concelleiras e concelleiros do Goberno local e a arquitecta, Arancha Paz, visitaron as obras do esperado proxecto de mellora da accesibilidade e humanización da praza de Barcia de Mera, que está a ser financiado ao 100 % pola Deputación de Pontevedra. Nun clima de cordialidade e amabilidade, a presidenta asinou no libro de honra do Concello, onde amosou a vontade de “seguir construíndo xuntas e xuntos para garantir o futuro de Covelo”.

As obras visitadas constitúen unha das actuacións máis demandadas pola cidadanía de Covelo, que se implicou activamente no proxecto achegando ideas e incorporando suxestións. En concreto, a través destas obras vaise mellorar a accesibilidade e humanizar a praza de Barcia de Mera, no núcleo do mesmo nome, considerado de alto valor histórico-arquitectónico. A actuación ascende a 359.258,94 euros dos que a Deputación achega 287.407,14 € a través do Plan de Reequilibrio, e o Concello 71.851,8 euros, que son financiados con cargo ao Plan Concellos 2018 da institución provincial.

A presidenta da Deputación felicitou ao Goberno local de Covelo por conseguir consensuar coa veciñanza a reforma da praza de Barcia de Mera. Así, Carmela Silva enxalzou a capacidade do proxecto para recuperar e poñer en valor o patrimonio da vila e a implicación da veciñanza, “porque as e os gobernantes do século XXI temos que contar coa xente, escoitala e incorporar as súas achegas para transformar os espazos públicos”.

Tamén felicitou Silva á arquitecta pola súa capacidade para recuperar o espazo para a veciñanza. “Durante demasiado tempo estivemos moi preocupadas e preocupados de que houbera sitio para os coches e expulsamos á xente do espazo que era para ela. Este proxecto recupera a praza para as veciñas e veciños, converte ao espazo nun verdadeiro salón ao aire libre”, asegurou.

Pola súa banda, o alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo, fixo fincapé na implicación da veciñanza na elaboración do proxecto, “que achegaron ideas e suxestións para poder sacar adiante a actuación”. Ademais, Castillo agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra xa que “sen a vosa axuda sería imposible facer realidade a reforma da praza de Barcia de Mera”.

O proxecto que se está a executar en Covelo ten por obxectivos revitalizar o núcleo de Barcia de Mera, multiplicando as oportunidades de ocio, eventos e goce do espazo público. Deste xeito, o proxecto contempla eliminar as barreiras arquitectónicas e crear un espazo continuo en catro áreas: unha pequena triangular onde se sitúan a fonte da praza e a parada de autobús, un grande espazo multi funcional, un parque infantil e o viario de acceso con espazos multifuncionais. Nestas catro áreas a pedra actuará como elemento integrador.

Máis de 3,5 millóns de euros na lexislatura

Esta obra de mellora da accesibilidade e humanización da praza de Barcia de Mera é unha das grandes actuacións da Deputación de Pontevedra en Covelo, pero no que vai de lexislatura o Goberno provincial leva investido no municipio máis de 3,5 millóns de euros nas distintas accións de todas as áreas de Goberno. Co vixente Plan Concellos 2019, a Deputación pon á disposición de Covelo máis de 465.000 euros, o que supón un 3,21 % máis que en 2018.

No que vai de mandato, a través da Liña 1 do Plan Concellos, Covelo puido financiar un total de 20 obras por valor de máis dun millón de euros. Ao abeiro da liña 3, de emprego, este municipio puido contratar a 62 traballadoras e traballadores. En concreto, este ano, no marco desta mesma liña, A Deputación destina a Covelo 102.125,99 euros para que a vila contrate a 17 traballadoras e traballadores para desenvolver tarefas de limpeza, condución, traballos forestais, albanelería, carpintería, mecánica e socorrismo.