A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada de deputadas provinciais, alcaldes e alcaldesas e mulleres implicadas nos programas de igualdade da institución provincial, presentou a programación de actos con motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, nun acto no que tamén se puido escoitar a música reivindicativa de Laura Lamontage. En total, a campaña da institución provincial, de nome “Sementando para a igualdade, estenderanse dende esta mesma semana ata decembro, para reivindicar, tal e como asegurou a presidenta, que “non hai nada máis urxente nin máis prioritario que loitar contra as violencias machistas. Imos rematar con todo este sufrimento e dor que levamos ás costas as mulleres”.
Carmela Silva aproveitou a ocasión para “recordar esta crueldade intolerable” e reivindicou “que de forma inmediata, as primeiras iniciativas do novo goberno do Estado sexan a aprobación de leis contra a prostitución e a trata de mulleres e que se modifique o Código Penal. Debemos defender o dereito a ser mulleres libres e respectadas, precisamos normas que amparen os nosos dereitos e por iso agardo que sexan as primeiras iniciativas que se aproben”. A presidenta incidiu en que “a Deputación de Pontevedra é abolicionista porque a prostitución é unha lacra intolerable, unha violencia brutal e temos un compromiso firme e real contra as violencias machistas”. “Todas nós temos moi claro que a loita pola igualdade é unha cuestión de 365 días ao ano pero certamente novembro é un mes especial porque o 25, as mulleres, acompañadas dalgúns homes, loitamos e denunciamos as violencias que padecemos”, asegurou Carmela Silva. Por ese motivo, durante o acto de presentación da programación de actos de igualdade se despregaron dúas lonas actualizadas cos nomes das mulleres asasinadas dende que hai rexistros. “Non imos esquecer a esas mulleres asasinadas polo machismo, 51 no que vai de ano e dende que se contabilizan os datos da violencia machista 1.027 mulleres asasinadas en España, que deixaron 275 menores orfos e orfas, das cales 61 eran galegas e 25 da provincia de Pontevedra”.
A programación de actos impulsada pola Deputación de Pontevedra con motivo do 25-N comeza esta mesma semana coa presentación do catálogo “Mulleres do silencio” en Pontevedra (13 de novembro 19.00 horas no Palacete das Mendoza) e en Vigo (15 de novembro 18.00 horas no MARCO). En ambos os dous actos estará a comisaria Rosario Sarmiento e artistas que forman parte do compendio. Tamén esta mesma semana a exposición de bonecas Barbies intervidas “Rompe, Xoga en Igualdade“, impulsada por Isabel Blanco e Irene Silva e que percorreu un total de 13 concellos, chegará ata o Auditorio de Soutomaior (14 de novembro) onde permanecerá ata o 11 de decembro. A mesma mostra, pero a través de paneis, viaxará o 20 de novembro ata a sede de FOANPAS en Vigo.
O 25 de novembro arrancará a V edición do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero“, comisariada por Paula Cabaleiro, que ao longo de catro anos desenvolveu 85 accións artísticas contra as violencias machistas que conseguiron visibilizar a case un centenar de artistas e implicaron a milleiros de persoas. A quinta edición do programa da Deputación dará comezo os días 25 e 26 de novembro en Pontevedra (ás 12.00 horas) e Vigo (19.00 horas) con dúas performances chamadas “Pan duro I e II” protagonizadas por Ana Gesto, María Marticorena, Ana Matey e Isabel León. A quinta edición de “Violencia Zero” desenvolverá ao longo dos 12 meses do ano en 25 concellos da provincia accións de poesía e literatura, música, grafitti, danza contemporánea e acción escénica. A principal novidade desta nova edición son o impulso da participación directa da cidadanía, con traballos colectivos que van implicar a centros escolares e ao tecido asociativo da provincia, poñendo especial énfase na mocidade.
O 27 de novembro terá lugar a presentación dun grafitti colaborativo que se fará no Centro Penitenciario da Lama, coa colaboración de persoas internas. As persoas internas do centro participarán no grafitti, que se centrará na desigualdade de oportunidades e loita contra diferentes violencias machistas, intervindo nun dos seus muros co apoio, dirección e asesoramento de Iria Fafián. Tamén, e no marco desta programación, chegará en decembro “Ramonas on tour“, liderado Patricia Moon, ata Vilagarcía de Arousa. Este programa da Deputación ten por obxectivos concienciar sobre a igualdade con concertos, exposición e conversas sobre a situación das mulleres na cultura. Así, tense programado un coloquio no que se afondará sobre as mulleres na industria cultural baixo o nome “Nunca máis sen nosoutras” e, por último un concerto.
Finalmente, e por terceiro ano consecutivo, a Deputación de Pontevedra adheriuse á iniciativa “En negro contra as violencias” dotando de materiais da campaña a 23 concellos da provincia que tamén se sumaron á proposta. Deste xeito, en total, a Deputación distribuíu entre os concellos 5.000 carteis de “Espazo libre de violencias machistas”, 5.000 postais cos dous lemas da campaña e 5.300 dípticos co lema “Contra as violencias, educación”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.