CCOO-Servizos avalía positivamente a derrogación da norma que dá liberdade horaria aos establecementos comerciais

A maioría das empresas do sector xa non estaba utilizando esta posibilidade, pois dificulta a necesaria atención tanto á reposición da mercadoría como á desinfección das instalacións
Publicado por o día 19/05/2020 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO-Servizos avalía positivamente a derrogación da norma que dá liberdade horaria aos establecementos comerciais

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia avalía positivamente a inminente derrogación da norma que dá liberdade horaria aos establecementos comerciais, acordada o sábado polo Centro de Coordinación Operativa da Xunta. Polo tanto, queda sen efecto o punto cuarto do acordo adoptado o pasado 15 de marzo, que outorgaba liberdade de horarios «sen limitacións» aos establecementos comerciais de primeira necesidade. Deste xeito, volverase á situación previa, coas limitacións establecidas na Lei 13/2006 de horarios comerciais de Galicia, que fixa que só teñen liberdade horaria os establecementos de ata 300 m2, entre outras excepcións.

Nos últimos dous meses, a Federación de Servizos de CCOO pediu a derrogación desta liberdade horaria, decretada ao abeiro da declaración do estado de alarma, por vela «inadecuada». Na práctica, só se estaba a beneficiar desta prerrogativa unha única empresa, pois a maioría do sector non a aplicou xa que dificulta a necesaria atención tanto á reposición da mercadoría, como á desinfección das instalacións. Desta maneira, reducindo horarios contribúese a preservar as garantías de saúde do persoal e da propia clientela.

Dá resposta á reunión do pasado mércores

Esta decisión dá resposta a unha das cuestións que o sindicato formulou na videoconferencia do pasado mércores, día 13 de maio, co presidente da Xunta e cos conselleiros de Facenda e Economía, Emprego e Industria. Nesta reunión, unha das representantes de CCOO foi a secretaria da Federación de Servizos, Lucía Trenor que, ademais de pedir a derrogación da liberdade de horarios, expuxo outras importantes reivindicacións para o persoal do sector. Entre elas, a necesidade de participación sindical no deseño de alternativas para os sectores do comercio, o turismo ou a hostalaría; ou o cambio de modelo produtivo, apostando pola modernización tecnolóxica e situar a Galicia na vangarda da dixitalización.

Comentar noticia

Your email address will not be published.