O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe en Vigo, durante a presentación do informe Retos e perspectivas de investimento en Galicia para 2021 da consultora BDO que a Xunta seguirá traballando desde a estabilidade e a unidade para lograr unha recuperación sólida. Tal e como recolle o documento presentado hoxe, o 70% das empresas galegas opina que en 2021 o comportamento da economía de Galicia será mellor que o de España, algo para o que, tal e como sinalou Conde, cómpre aproveitar a dobre oportunidade que supoñen a vacina e os fondos europeos.
Segundo subliñou o vicepresidente económico, todos os esforzos da Xunta están centrados en facer do 2021 o ano da reactivación económica, no que poder sentar as bases da recuperación, apostando pola cooperación entre administracións, axentes sociais e económicos e sociedade civil. Así, Conde apuntou a dous retos principais: en primeiro lugar, atender os sectores máis prexudicados, como o comercio, o turismo ou a hostalería, cun tratamento de choque para atender as súas necesidades, e en segundo lugar traballar cara a transformación do tecido produtivo, avanzando na transición dixital e ecolóxica.
Entre as diferentes medidas para acompañar aos sectores produtivos e aos autónomos para dar resposta ás súas necesidades, a Xunta conta cun plan de financiamento empresarial dotado con 103 millóns de euros que mobilizará 300 millóns de euros. Adicionalmente, a Xunta dispón dun Plan de transformación do tecido empresarial a través de tres iniciativas de capital risco que suman 70 millóns de euros.
Do mesmo xeito, Conde sinalou que Galicia está traballando na estabilidade institucional, garantindo seguridade xurídica, e traballando pola simplificación administrativa, no marco da Lei de reactivación económica, dotando de garantías aos empresarios. Ademais, destacou a oportunidade que supoñen os fondos europeos “que nos deben permitir esa transformación a través dos proxectos tractores tanto nos sectores estratéxicos da nosa economía como poden ser o sector forestal e o sector biotecnolóxico como de novos sectores como o aeronáutico”. O vicepresidente económico tamén destacou a importancia de xerar confianza tanto nos empresarios como nos consumidores.
Perspectivas de investimento
Segundo a IV edición do informe Retos e perspectivas de investimento en Galicia en 2021, realizado por BDO, empresarios galegos e directivos amósanse optimistas coa recuperación do consumo a partir do segundo semestre deste ano e o 70% das empresas galegas opina que en 2021 a economía de Galicia evolucionará mellor que a de España. O informe detecta interese por investir en Galicia en sectores que saíron máis fortalecidos da crise como a alimentación, as TIC, a saúde, a pesca ou a enerxía.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.