Cultura convoca 35 bolsas de formación en biblioteconomía para impulsar a formación de futuros traballadores

As persoas beneficiarias realizarán o seu período de aprendizaxe nalgunha das sete bibliotecas de xestión autonómica e na municipal de Ferrol
Publicado por o día 17/02/2018 na sección de Cultura

Cultura convoca 35 bolsas de formación en biblioteconomía para impulsar a formación de futuros traballadores

A Consellería de Cultura e Educación impulsa o programa de formación en materia de biblioteconomía coa convocatoria de 35 bolsas, con acompañamento de titor, para o tratamento técnico dos fondos, así como para calquera outra actividade que permita a súa formación e coñecemento dos diversos servizos bibliotecarios. A Secretaría Xeral de Cultura destina un total de 215.600 euros á convocatoria de 2018, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180216/AnuncioG0164-080218-0003_gl.html).

As bolsas terán unha duración máxima total de sete meses e as persoas beneficiarias recibirán a súa formación na Biblioteca de Galicia, nas bibliotecas públicas de Santiago Ánxel Casal, da Coruña Miguel González Garcés, de Lugo, de Ourense, de Pontevedra Antonio Odriozola, de Vigo Juan Compañel e na Municipal de Ferrol e serán coordinadas e dirixidas por persoal técnico dos centros.

Persoas beneficiarias

Os destinatarios destas bolsas son persoas tituladas en biblioteconomía ou documentación; en información e documentación; en xeografía e historia, filoloxía, lingua e literatura, ciencias da cultura e difusión cultural ou humanidades. A comisión de avaliación terá en conta para a concesión das bolsas a titulación e o expediente académico, así como a formación complementaria dos aspirantes. O prazo para a presentación de solicitudes remata o día 16 de marzo.

Actualmente, tamén está aberto o prazo da convocatoria de 20 bolsas destinadas á cualificación técnica nos procesos do ámbito arquivístico e dos fondos documentais. As persoas interesadas poden presentar ata o 6 de marzo as solicitudes, sempre que sexan superiores con formación en historia e/ou arquivística, que non estean traballando ou gozando doutra bolsa no momento da solicitude e que non se beneficiaran anteriormente destas axudas.

Formación teórico-práctica

Con estas convocatorias, a Secretaría Xeral de Cultura impulsa un programa de formación teórico-práctica –impartida por profesionais con experiencia e coñecemento neste ámbito– que, engadida á formación académica, contribúe a completar o currículo académico dos bolseiros e das bolseiras, nas técnicas e aptitudes necesarias que faciliten a súa inserción no mundo laboral.